Imprimir

O Celta cae ante o Madrid (1-3), que se coloca de líder

Redacción | 24 de outubro de 2015

[Imaxe: RCC]
[Imaxe: RCC]

O equipo de Berizzo deixa de estar invicto logo de caer ante o Madrid en Balaídos por 1 gol a 3. O gran protagonista do encontro foi o porteiro do cadro branco, Keylor Navas, que detivo até catro ocasións claras do Celta. Malia a derrota, os vigueses ofreceron  unha boa imaxe.

Foi Cristiano Ronaldo quen abriu o marcador no minuto 8 de partido, tras unha xogada de Lucas Vázquez que enganchou o portugués no segundo pau. A raíz do gol, o Celta foise máis arriba e dispuxo de ocasións claras. A primeira delas chegou no minuto 15 grazas a un disparo de Orellana, mais a destreza de Keylor Navas mandou o balón ao recuncho.

Cando o Celta conseguía facerse con máis posesión do balón chegou o segundo tanto do Madrid, obra de Danilo. Tras unha asistencia de Jesé desde o centro, o brasileiro batía a Sergio e marcaba o seu primeiro tanto como madridista. A partir de entón, no canto de virse abaixo, o Celta tratou de remontar o encontro e dispuxo de numerosas ocasións para o facer, mais Keylor Navas sempre conseguía rematar co soño dos vigueses. Así, o porteiro branco interceptou un disparo de Jonny, atrapou a pelota lanzada por Wass nunha falta e meteulle a man a un testarazo de Pablo Hérnandez.  Aínda que o Madrid vencía por 0-2, o Celta marchaba forte ao vestiario.

No segundo tempo, o Celta dispuxo de novas ocasións, moitas delas de Orellana e desde o minuto 56 tivo que xogar cun home menos pola expulsión de Cabral. O árbitro, Clos Gómez, penaba o xogador celeste coa segunda amarela por protestar. Na mesma xogada, Pablo Hernández, Augusto e Iago Aspas foron amoestados. Ao pouco, Nolito recibiu outra amarela por unha nova protesta. Co encontro desequilibrado, o equipo de Berizzo aínda dispuxo de ocasións por parte de Nolito e de Aspas.

A falta de cinco minutos por concluír o partido, Nolito marcou un gran gol ao conseguir meter o esférico na escuadra. Ao pouco tempo, Guidetti puido empatar, mais o balón saía desviado. Pouco antes de marcar o colexiado o final do partido, Marcelo aproveitou unha contra do Madrid e un desaxuste defensivo dos vigueses para sentenciar o partido.

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Augusto, Wass (Radoja, min.66), Pablo Hernández (Planas, min.80), Nolito, Orellana (Guidetti, min.80) y Iago Aspas.

Madrid: Navas, Danilo, Ramos, Varane, Marcelo, Kroos, Casemiro, Modric (Nacho, min.79), Lucas Vázquez, Jesé (Cheryshev, min.70) y Ronaldo.

Goles: 0-1, min.8: Ronaldo; 2-0, min.22. Danilo; 2-1, min.84: Nolito; 1-3, min.95: Marcelo.

Árbitro: Clos Gómez, do comité aragonés. Expulsou con dupla amarela Cabral e amoestou Iago Aspas, Orellana e Nolito polo Celta e Lucas Vázquez polo Madrid.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/celta-cae-madrid-1-3-coloca-lider/20151024191537041841.html


© 2019 Sermos Galiza