Imprimir

O Celta, máis perto da salvación tras vencer ao Barcelona

REDACCIÓN | 05 de maio de 2019

Maxi e Aspas celebran o primeiro gol [Imaxe: RC Celta]
Maxi e Aspas celebran o primeiro gol [Imaxe: RC Celta]

O Celta deu un paso vital cara a permanencia en Primeira Divisón tras dobregar o Barcelona en Balaídos por 2-0. O conxunto dirixido por Fran Escribá soubo aproveitar as rotacións do conxunto catalán, campión da liga desde a xornada pasada, que este martes disputa un partido decisivo en Liverpool para acceder á final da Liga de Campións. 

A primeira parte tivo un ritmo baixo, co Barcelona como dono do balón. O Celta apenas creou ocasións de gol e, de feito, a ocasión máis clara chegou do lado visitante. 

Na segunda metade, o equipo olívico saíu con máis ansia. Decidiu ir buscar a vitoria e así foi como chegou un tanto de Araújo que foi anulado polo VAR por un axustado fóra de xogo. A partir de aí, o Celta fíxose co control do partido e así chegou o primeiro tanto, obra de Maxi Gómez tras un centro preciso de Boudebouz. Con máis de vinte minutos por diante, os de Fran Escribá optaron por conservar o balón, con longas posesións. A pique de se cumprir o tempo regulamentario, o árbitro asubiou pena máxima por mans. Iago Aspas non errou desde os once metros e a vitoria, e tres cuartos de permanencia, ficaron en Balaídos. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/celta-mais-perto-da-salvacion-ao-vencer/20190505114054079187.html


© 2019 Sermos Galiza