Imprimir

O Celta vence o Villarreal (1-2) e suma tres pontos de ouro antes de recibir o Madrid

Redacción | 18 de Outubro de 2015

Orellana disputou un gran partido
Orellana disputou un gran partido

Os goles de Orellana e Nolito valéronlle ao Celta o triunfo a domicilio no Madrigal, nun partido en que os de Vigo non minguaron ante o líder.

O partido que enfrontou os considerados dous equipos revelación da Liga finalizou con vitoria para os de Vigo, que suman tres pontos moi valiosos antes de recibir na casa a próxima semana ao Madrid.

Foi Orellana quen adiantou o equipo de Berizzo nunha primeira parte de grande intensidade e sen un dominador claro. Aos 40 minutos, nunha boa xogada de ataque, Orellana recibiu o esférico na frontal e disparou unha gran rosca que valeu o primeiro tanto do Celta. O primeiro tempo finalizaba con outro aviso dos celestes, que estiveron a piques de anotar o segundo gol cun disparo de Nolito que tocou a madeira.

No segundo tempo, o local Bailly foi amoestado por vez segunda logo dun man e, en consecuencia, deixou o Villarreal con 10 homes. A partir de entón, o Celta dominou o partido de maneira clara e perdoou varias ocasións que lle permitirían sentenciar o encontro. Pola contra, o Villarreal, no minuto 21, non perdoou e empatou na súa única chegada á meta rival cun remate de Denis que rebotou nun xogador.

Até o último momento, o Celta tratou de marcar un segundo tanto que lle permitise traer os tres puntos para Vigo. Os celestes lograron anotar o gol da vitoria no minuto 89 a raíz dun gran disparo de Orellana á escadra cuxo rexeitamento aproveitou Nolito para sentenciar.  

Ficha técnica

Villarreal: Areola, Mario, Bailly, Ruiz, Costa, Pina, Trigueros, Samu (Denis Suárez, min.50), Nahuel (Rukavina, min.50), Baptistao (Bakambu, min.59) e Soldado

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Augusto, Wass (Radoja, min.85), Pablo Hernández (Bongonda, min.73), Orellana, Nolito eIago Aspas (Guidetti, min.80)

Goles: 0-1, min.41; Orellana; 1-1, min.66: Denis; 1-2, min.89: Nolito

Árbitro: González González, do comité castelán leonés. Expulsou con dupla amarela Bailly e amonestou Augusto, Sergi Gómez, Wass, Soldado

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/celta-vencelle-ao-villarreal-1-2-suma-puntos-ouro-antes-recibir-madrid/20151018143532041668.html


© 2019 Sermos Galiza