Imprimir

Centos de persoas exixen nas rúas da Coruña un futuro para a industria electrointensiva galega

Redacción | 08 de Xuño de 2019

Imaxe: @EUCoruna
Imaxe: @EUCoruna

Exixen compromisos e medidas para garantir actividade e emprego nun sector que na Galiza emprega por volta de 5.000 persoas e que atravesa unha grave crise. A marcha estaba convocada polos comités de  de empresa de Alcoa, Ferroatlántica, Celsa Atlantic.

Esta semana coñecíase que había unha oferta firme para comprar a planta de Alcoa da Coruña e que Villar Mir quería vender Ferroatlántica a un fondo estadounidense por 170 millóns de euros. Dúas noticias que atinxen dúas das principais empresas do sector electrointensivo na Galiza, unha industria que nestes meses está con pé e medio nunha crise que cuestiona o seu futuro. Na Galiza, a viabilidade deste sector -unha ducia de empresas e cinco mil empregos directos-  volveu ser defendida este sábado nas rúas da Coruña nunha manifestación convocada polos comités de empresa de Alcoa, Ferroatlántica, Celsa Atlantic. “Por un futuro para a industria electrointensiva” era o lema que exhibia a faixa que abría a mobilización.

D8dW97OXkAAd431Centos de persoas participaron nesta marcha, na que se reclamou compromisos e medidas para garantir a actividade e emprego nesta industria. Contra a desertización industrial da Galiza e na demanda dunha tarifa eléctrica competitiva. Sindicatos como CIG, CCOO e UXT apoiaron a mobilización. O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, defende  avanzar na elaboración dun novo marco regulador da enerxía que garanta a viabilidade deste sector industrial. Reclama “a aprobación inmediata do estatuto do consumidor electrointensivo” . Afirma que en tanto non haxa unha solución neste camiño que dea estabilidade ao sector, "o goberno español non pode aprazar unha saída para as fábricas de Alcoa, que pasa pola adquisición pública das plantas, tal e como dende a CIG temos demandado".

Na mobilización estiveron presentes representantes de diferentes organizacións, como Xosé L. Rivas 'Mini' (BNG), Yolanda Díaz (Galicia en Común), Luis Villares (En Marea) ou Marta Rivera (Ciudadanos).

Quen son?

O sector electrointensivo compóñeno aquelas industrias que teñen un alto consumo enerxético, que pode representar até máis de 50% dos seus custos de produción. Na Galiza son, no principal, por volta dunha ducia de industrias: tres grupos galegos (Finsa, Megasa, Tojeiro) e compañías con plantas produtivas na Galiza (Ferroatlántica, Alcoa, Celsa Atlantic, SLG Carbón)

As reformas do sector eléctrico aprobadas polo goberno do Partido Popular en 2013 alteraron o escenario da industria electrointensiva. Implántase unha poxa de interrompibilidade que na práctica é, como denunciara de Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario de CIG-Industria, unha “ruleta rusa”. Esta medida, mantén, fomenta a competencia desleal entre empresas do mesmo sector produtivo, outorgando prezos de electricidade moi dispares e cuxas consecuencias máis graves tradúcense no que acontece en Alcoa e Ferroatlántica.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/centos-persoas-manifestanse-coruna-futuro-industria-electrointensiva/20190608124755080589.html


© 2019 Sermos Galiza