Imprimir

“O chamado goberno do cambio veu para tocar o ceo e nin foi quen de poñer os pés na terra”

Redacción | 11 de Maio de 2019

Inés Rey, candidata do PSdeG á alcaldía da Coruña
Inés Rey, candidata do PSdeG á alcaldía da Coruña

Inés Rey é a candidata do PSOE á Alcaldía da Coruña. Licenciada en Dereito pola UDC, exerce como avogada desde os 24 anos e desde os 18 milita nas filas do partido socialista. Nesta entrevista, que responde vía correo electrónico, explica por que, ao seu ver, A Coruña precisa un cambio de rumo e as principais medidas que adoptará se obtén o bastón de mando.

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Lamentabelmente na Coruña levamos non catro, senón oito anos xa de parálise. Primeiro co goberno do PP e agora coa Marea. O chamado goberno do cambio veu para tocar o ceo e nin foi quen de poñer os pés na terra. Nin unha infraestrutura construída digna de salientar. Máis ben, ao contrario, púxose freo a posibilidades de avance da cidade como a estación intermodal tan necesaria para mellorar a mobilidade na Coruña. O tan cacarexado carril bici é como o Guadiana, aparece e desaparece, e remata nun colector. Fíxose sen preguntar aos colectivos ciclistas, aos comerciantes (que perden zonas de carga e descarga) ou a expertos en tráfico. O resultado é un espazo feito de costas ao pobo e que nalgunhas zonas é mesmo perigoso para automobilistas, ciclistas e peóns. Hai zonas nas que as persoas usuarias do transporte público baixan do bus sobre o carril bici, de tal xeito que non ven os ciclistas. Xa houbo algún susto.

 

"Vaias ao barrio que vaias, atopas problemas básicos sen resolver"

 

Nestes catro anos A Coruña tornouse una cidade na que vaias ao barrio que vaias atopas problemas básicos sen resolver, farois que non alumean, parques sen bancos, por non falar de que o goberno da Marea non foi quen de negociar contratos fundamentais como o da limpeza ou a recollida do lixo. Estes días estamos a pagar as consecuencias cunha cidade que entrou nos ránkings de localidades máis sucias de España da Asociación de Consumidores. A Coruña merece máis. Os coruñeses merecemos volver a vivir nunha Coruña que sexa a envexa do mundo porque ten potencial para selo.

 

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

O mandato de Xulio Ferreiro caracterizouse pola inoperancia, a carencia de xestión e a ausencia de diálogo institucional e coa veciñanza. Liderou un goberno marcado polo maniqueísmo. Ao non dialogar con gobernos de diferente signo político limitou as posibilidades da nosa cidade. Esqueceuse de que gobernaba en minoría. Non dialogou nunha situación na que era máis necesario que nunca facelo. Cando eu sexa alcaldesa sentarei a falar con quen sexa preciso polo ben da cidade máis aló de siglas políticas. O señor Feixoo no é santo da miña devoción, pero falarei con el todas as veces que sexa preciso na defensa da Coruña.

 

E o traballo realizado polo seu partido?

O Grupo Municipal Socialista fixo unha oposición responsábel. Demos saída á petición das urnas. A Coruña votou hai catro anos unha maioría de progreso. O número de concelleiros que agora mesmo hai en María Pita así o indica. Logo, ao longo do mandato foi imposíbel chegar a acordos orzamentarios cun goberno que, como digo, non escoita, nin dialoga, nin moito menos negocia. Si fixemos achegas como modificativos aos orzamentos da Marea para melloralos.

 

O Grupo Municipal Socialista fixo unha oposición responsábel

 

Cal é a principal necesidade da Coruña?

Ter un goberno que escoite toda a veciñanza, os que o voten e os que non. Un goberno que xestione e devolva A Coruña ás vangardas das grandes cidades europeas. Un goberno con ideas e que busque a colaboración doutras administracións para sacar adiante proxectos de grande calado como os que necesita A Coruña, que aporten crecemento e emprego. Temos pendente a definición da fachada marítima, que vai definir, en boa medida, A Coruña do futuro.

 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Convidarei a María Pita todos os axentes sociais, asociacións, e colectivos da cidade para coñecer ao detalle e de primeira man como é a Coruña que queren e explicarlles o proxecto socialista, buscando sumalos a el. Quero que todos os coruñeses camiñemos a unha. A nosa cidade ten un grandísimo potencial que se está a desaproveitar. Somos capaces de moito máis. Só precisamos un bo capitán que mande un barco que adoece por saír ao mar e traer de volta á terra as redes cheas de proxectos de futuro que fagan da Coruña o referente que xa foi no pasado.

 

Só precisamos un bo capitán que mande un barco que adoece por saír ao mar

 

Preséntome á alcaldía porque sei que os coruñeses somos quen de volver ao máis alto das cidades europeas. Quero liderar unha cidade na que a veciñanza recupere a fachenda do máis fermoso do mundo: vivir na Coruña.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/chamado-goberno-do-cambio-veu-tocar-ceo-nin-foi-quen-poner-pes-terra/20190511001544079451.html


© 2019 Sermos Galiza