Imprimir

China anuncia unha tregua cos EUA na súa guerra comercial

Redacción | 08 de novembro de 2019

Donald Trump aspira a un pacto bilateral global coa China. Foto: Europa Press
Donald Trump aspira a un pacto bilateral global coa China. Foto: Europa Press
Os Gobernos da China e dos Estados Unidos terían pactado cancelar en distintas fases e de xeito proporcional as respectivas subas de aranceis implementadas durante os meses de enfrontamento que manteñen ambas as dúas potencias, segundo anunciou o Ministerio de Comercio chinés.

Os Gobernos da China e dos Estados Unidos pactaron cancelar en distintas fases e de xeito proporcional as respectivas subas de aranceis implementadas durante os meses de enfrontamento comercial que manteñes ambas as dúas potencias, segundo informou o Ministerio de Comercio da China e recollen as axencias internacionais. Porén, o Goberno chinés non achegou máis detalles sobre o alcance e o calendario para a eliminación das taxas.

«De subscribiren as dúas partes a primeira etapa do acordo, deberanse cancelar os aranceis segundo o seu contido e proporción», explicou o portavoz do Ministerio chinés, Gao Feng. A posición da China é clara, engadiu: «A guerra comercial deu comezo coa imposición de aranceis e debe rematar coa eliminación dos aranceis (...) Facelo axudará a estabilizar as expectativas do mercado, favorecerá as economías dos dous países e tamén a economía mundial, beneficiando os produtores e os consumidores».

Sen confirmación

O anuncio debe ser aínda confirmado pola Administración dos EUA. Con todo, o propio presidente Donald Trump xa anunciara a súa intención de asinar un acordo co seu homólogo chinés durante a cimeira do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC), previsto para o 16 e 17 deste mes en Santiago. Porén, esta tivo que ser cancelada  polo Goberno de Sebastián Piñera debido ás protestas multitudinarias no seu país.

Non obstante, o acordo estaría afastado do plan de Trump, que aspira a un pacto bilateral global coa China, a que acusa -entre outras cousas- de manipular o troco do renminbi para abaratar os seus produtos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/china-anuncia-tregua-cos-eua-sua-guerra-comercial/20191107191602086505.html


© 2019 Sermos Galiza