Imprimir

Chomsky encabeza os intelectuais USA contrarios á interferencia en Venezuela

Redacción | 27 de xaneiro de 2019

Noam Chomsky. Foto: Andrew Rusk
Noam Chomsky. Foto: Andrew Rusk

Máis de 70 intelectuais e académicos  estadounidenses veñen de facer pública unha carta ao Goberno de Donald Trump baixo o título Deixen de interferir na política interna de Venezuela. O lingüista Noam Chomsky, o xornalista John Pilger ou o profesor Mark Weisbrot son algúns dos asinantes.
 

A misiva acusa Trump de “acelerar a crise política de Venezuela coa esperanza de dividir os militares venezolanos e polarizar aínda máis a poboación” ao recoñecer como presidente do país o golpista Juan Guaidó, presidente da Asemblea Nacional que se autoproclamou líder do Executivo.

 

“O recoñecemento de Guaidó por parte de Estados Unidos e os seus aliados empeorará a situación e xerará un sufrimento humano innecesario, violencia e inestabilidade”, aseguran, “se a Administración de Trump e os seus aliados contin´ñuan o seu curso imprudente en Venezuela, o resultado máis probábel é o derramamento de sangue e o caos”.

 

Os intelectuais chaman as cousas polo seu nome e afirman que “o obxectivo obvio é expulsar Maduro mediante un golpe de Estado”. Ao tempo, advirten de que os Estados Unidos deberán ter aprendido algo das súas invasións e incursións imperialistas recentes en Iraq, Libia ou Siria.

 

“Con Trump, a retórica agresiva contra o Goberno venezolano disparouse a un nivel máis extremo e ameazador, con funcionarios falando de 'acción militar' e condenanco Venezuela, canda Cuba e Nicaragua”, lembran os asinantes da carta, que conclúen: “Estados Unidos e os seus aliados, incluído o secretario xeral da OEA, Luis Almagro, e o presidente de extrema dereita de Brasil, Jair Bolsonaro, empurraron Venezuela ao precipicio”.

 

Nesta ligazón pódese acceder á carta orixinal: https://www.commondreams.org/views/2019/01/24/open-letter-united-states-stop-interfering-venezuelas-internal-politics

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/chomsky-encabeza-intelectuais-usa-contrarios-interferencia-venezuela/20190127155602075510.html


© 2019 Sermos Galiza