Imprimir

Chove sobre mollado: fechar 135 sucursais no país que perdeu 1.026 oficinas bancarias nunha década

Redacción | 10 de xuño de 2019

O ERE do Santander na Galiza volve traer a primeira plana a destrución de emprego no sector bancario e a exclusión financeira, que na última década aumentou no noso país en 49%.

O Banco Santander anunciou un ERE que na Galiza tradúcese en 271 despedimentos e o feche de 135 sucursais. Chove sobre mollado: neste país clausuráronse na última década 1.026 sucursais bancarias. De 2.517 que había en 2008 pasouse a fechar 2018 con 1.491. Polo camiño, 40% sucursais menos.

Temos agora 1.491 sucursais, as mesmas que había a finais da década dos 70. Se en 2008 a nosa ratio era de 9,2 oficinas por cada mil habitantes, agora é de 6. Unha tesoirada que se realizou, nomeadamente, a costa do rural e, nas cidades máis poboadas, daqueles barrios máis golpeados pola crise.

Os dados do Banco de España sitúan Ourense como unha das provincias máis afectadas pois aí 48% da rede (180 sucursais menos) e tamén sitúa nese espazo Pontevedra, con 363 oficinas desaparecidas, 44% das existentes. Na Coruña o impacto foi pasar das perto de mil oficinas bancarias que había en 2008 até as 602 de agora, un 39% menos. En Lugo a redución foi de 30%, sendo a menos afectada.

Entre 2008 e 2016, o número de persoas en situación de exclusión financeira aumentou na Galiza en 49%, 15 puntos por riba da media española, que é de 34%. Son datos dun estudo realizado por Joaquín Maudos, Catedrático de Análise Económica na Universitat de València. Un traballo no que cifra en 43 os concellos galegos onde non hai sucursais nin oficinas bancarias, unha situación na que se atopan máis de 61.000 galegos e galegas.

A propia Unión Europea advirte que a exclusión financeira é un dos problemas a facer fronte. É dicir, a dificultade de persoas (e/ou territorios) no acceso a servizos e produtos financeiros no mercado xeral. Mesmo Wall Street Journal exemplificou o risco da exclusión financeira cunha reportaxe sobre o concello de Larouco.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/chove-mollado-fechar-135-sucursais-pais-perdeu-1026-oficinas-bancarias-nunha-decada/20190603160522080387.html


© 2019 Sermos Galiza