Imprimir

A CIA espiou o nacionalismo galego desde Portugal

Cilia Torna | 12 de Agosto de 2018

Frank Carlucci
Frank Carlucci

A documentación desclasificada nos últimos anos polos servizos secretos norteamericanos e europeos achegou unha interesante información sobre Galiza que merece ser divulgada. Até o de agora fomos coñecendo diversos relatorios sobre a actuación do nacionalismo galego nos anos trinta e corenta, a guerrilla antifranquista ou as redes dos nazis e dos aliados no país. Esta semana achegamos unha información sobre o seguimento que fixo a CIA da UPG na altura de 1975. Eis un extracto do texto publicado no número 308 de Sermos Galiza.

A revolución de abril de 1974 fixo saltar as alarmas do Goberno norteamericano e dos seus socios europeos situando Portugal no centro das preocupacións da CIA. Os servizos secretos dos Estados Unidos comezaron un intenso traballo de desestabilización e infiltración do país veciño coa intención de paralizar o proceso en marcha e favorecer aquelas alternativas, nomeadamente a do PS de Mario Soares, opostas ao avanzo do proxecto socialista.

7

A actuación da intelixencia americana será reforzada a partir de agosto de 1974 coa visita ao país do director adxunto da CIA Vernon Walters, seguida en xaneiro de 1975 do nomeamento como embaixador de Frank Carlucci, peso pesado da espionaxe americana e máximo responsábel dos servizos secretos co primeiro goberno de Ronald Reagan. Carlucci, veterano da axencia que xogara un papel relevante no derrocamento e morte de Lubumba no Congo e no golpe de Estado contra o presidente brasileiro Joao Goluart en 1964, chegou a Lisboa acompañado de máis de oitenta axentes da CIA recrutados no Brasil, sumando a intelixencia americana durante a súa estadía en Portugal máis de tres mil efectivos.

 

Os momentos máis intensos da actuación da CIA en Portugal coincidirán cun dos períodos chaves da acción do nacionalismo na nación veciña. A chegada de Margarita Ledo a Porto en setembro de 1974, tras ser obrigada a pasar á clandestinidade como consecuencia da súa participación no operativo propagandístico do Día da Patria Galega, abre un novo escenario e posibilidades no labor da UPG.

 

[Podes ler a información íntegra no número 308 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/cia-expiou-nacionalismo-galego-portugal/20180808175456071269.html


© 2019 Sermos Galiza