Imprimir

CIG denuncia que Correos incumpre o Estatuto dos Traballadores nas libranzas do persoal

Redacción | 06 de agosto de 2019

Reclama descanso de fin de semana completo para todo o persoal da empresa pública.

A CIG reclama descanso de fin de semana completo para todo o persoal de Correos. Unha demanda que desde hai anos fan diversas centrais sindicais unha vez que se suprimiu o reparto de correo ordinario en sábados hai unha década. Considera que hai que ir ao descanso de fin de semana completo para o persoal de Correos do centro de tratamento postal, das unidades de servizos especiais (urxentes) e das oficinas de atención ao cliente.

Porén, indica o sindicato nacionalista, a empresa pública “incumpre a normativa laboral ao respecto e mantén estes traballadores e traballadoras sen librar día e medio consecutivo nas fins de semana, incumprindo tamén os requirimentos da Inspección de Traballo”.

Este persoal está nunha situación irregular, explica, posto que non chega a descansar día e medio continuado durante a fin de semana, tal como recollen a directiva europea 2003/88/CE no artigo 17.1 e o Estatuto dos Traballadores/as no artigo 37.

Os sindicatos denunciaron Correos ante Inspección de Traballo por esta “ilegalidade”. Inspección insta a empresa a solucionar este tema e Correos, di a CIG, chega a un “suposto acordo” con varias centrais, acordo para implimentar no primeiro semestre. Mais non se implementou.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/cig-denuncia-correos-incumpre-estatuto-traballadores-nas-libranzas-do-persoal/20190806121213082829.html


© 2019 Sermos Galiza