Imprimir

A CIG denuncia que nada se avanzou na mellora das condicións laborais no ensino

Redacción | 10 de setembro de 2019

Rolda de prensa de Suso Bermello CIG Ensino
Rolda de prensa de Suso Bermello CIG Ensino
A CIG marca o campo da loita sindical no ensino para este curso: a recuperación do horario lectivo, a redución das ratios, a mellora na atención á diversidade, a regulación de afíns e a estabilidade do persoal interino.

O curso comeza con 42 aulas menos en primaria e a perda de 62 postos de traballo definitivos, con dous terzos do profesorado de ESO, bacharelato e FP impartindo afíns e cando menos un 16% de mestras provisionais con contratos itinerantes, sostén Susoo Bermello, o secretario nacional da CIG-Ensino, nunha rolda de prensa esta terza feira en Compostela na que volveu lanzar duras críticas contra o goberno da Xunta. “San Caetano está apagado ou fóra de cobertura”, resumiu o líder sindical.

O curso académico comeza mañá, día 11 de setembro, en Infantil e Primaria e o 16 en Secundaria, Bacharelato, FP e nas ensinanzas de réxime especial. Durante este curso, a CIG insistirá na recuperación do “horario roubado”: a volta ás 18 horas lectivas semanais en secundaria e FP e ás 21 en infantil e primaria. E xa conta co aval de 12.000 sinaturas docentes. Hai comunidades autónomas que restituíron os horarios que o seu persoal docente tiña antes da imposición unilateral do PP no 2012 (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura) e outras están en trámite de o faceren, apuntou Bermello.

Tamén reclamará a CIG melloras nas condicións de traballo e na calidade educativa. Empezando polas ratios. O sindicato denuncia “a dicotomía que se está a consolidar nestes últimos anos entre o medio rural e o urbano marca de novo o inicio de curso, con aulas saturadas nos ámbitos urbanos e perirurbanos e con peche de aulas e mesturas de niveis no ámbito rural e vilego, cos conseguintes problemas de atención á diversidade”. Tamén seguirá insistindo na situación das materias afíns, porque máis da metade do profesorado con destino provisional de secundaria e FP impartirá materias nas que non son especialistas, di a CIG. A cuestión das itinerancias, con maior incidencia no profesorado de infantil e primaria, tampouco varía a respecto de cursos anteriores “cun 16% das mestras con destino provisional traballan en mais dun centro, ao que hai que unir as especialistas de PT e AL con destino definitivo que este ano tamén compartirán centros”.

Sus Bermello criticou ademais a FP Dual como vía de privatización do ensino público “e que supón a entrada de facto das empresas no ensino, ao seren as que seleccionan o alumnado, ademais de condicionar os temarios, a formación e mesmo a distribución do currículo dos ciclos formativos”. E sinalou a inestabilidade laboral do profesorado interino, “un enorme problema que a administración educativa despreza e os seus socios sindicais non queren ver”.
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/cig-denuncia-nada-avanzou-mellora-das-condicions-laborais-ensino/20190910133911083897.html


© 2019 Sermos Galiza