Imprimir

A CIG denuncia o “peche abusivo de camas” na área de Compostela

Redacción | 11 de Xuño de 2019

Imaxe do Hospital de Santiago. Foto: cedida.
Imaxe do Hospital de Santiago. Foto: cedida.

“Indignación” é a palabra escollida pola CIG para amosar o seu rexeitamento  ao “intento da Xerencia da área sanitaria por normalizar o peche abusivo de camas” durante o verán. A dirección do Sergas alega “descenso de actividade asistencial, falta de persoal para substitucións e obras de mantemento”. Para o sindicato, trátase dun “argumentario absurdo e inexacto”.
 

Segundo a CIG, no verán “non diminúe a actividade asistencial” porque na costa “se duplica a poboación”. E no interior o retorno de emigrantes tamén fan que as localidade medren. “En todo caso, as persoas tamén enfermamos no verán”, di a centra, que denuncia unha xestión “nin eficiente nin eficaz”.

“Paralizan as listas de espera en verán para baixalas despois traballando arreo no último trimestre do ano e facendo peonadas e pagando horas extra”, sinala.

A crítica á Xerancia compostelá é frontal. “Parchea a falta de profesionais médicos, inventando un sistema destrutivo cunha lista de voluntariado para gardas médicas localizadas, que sobrecargan os traballadores ao tempo que os afasta dunha calidade asistencial”, afirma no comunicado, “de quendas legais e contratos estábeis que permitan aos mesmos traballar nun ambiente positivo e conciliar vida familiar e profesional”.

As mencionadas obras suporán ademais o peche de sete dos 15 quirófanos do Hospital Clínico de Santiago. “É unha moi mala desculpa para pechar camas”, entende a CIG. Dos tres hospitais da área sanitaria, 12 quirófanos non estarán operativos por reformas. “A reapertura non poderá improvisarse nin facerse nunha hora”, denuncia, “así que, de precisárense, a Xerencia derivará doentes aos hospitais privados”.

“A actitude da Xerencia vai en contra da calidade asistencial que defendemos. E logo dirán que o máis importante é o paciente. Mentira!”, conclúe a nota da CIG.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/cig-denuncia-peche-abusivo-camas-area-compostela/20190611174528080678.html


© 2019 Sermos Galiza