Imprimir

CIG propón unha tarifa industrial para empresas grandes consumidoras de enerxía

Redacción | 19 de outubro de 2018

Alcoa San Cibrao
Alcoa San Cibrao

A CIG vai propor ao goberno español, á Xunta e á patronal a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía. Para o sindicato nacionalista, o anuncio do fechamento de Alcoa na Coruña “revela a urxente e inaprazábel necesidade de contarmos cunha regulación máis xusta e equitativa” que rache coa “incerteza que provoca a poxa anual do actual sistema de interrompibilidade”.

 

.No documento, que xa foi trasladado á patronal das empresas electrointensivas do Estado (AEGE), propón liberar estas industrias de pagar as peaxes que non teñen unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico - as primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario- a cambio de cumprir unha serie de requisitos. Iso si, os custes das peaxes non abonadas polas industrias non serán asumidos polo resto de consumidores, irán a cargo dos orzamentos xerais do Estado.

 

Para compensar esta rebaixa e o esforzo social que implica pasar as peaxes non abonadas polas industrias aos orzamentos, as central defende que as empresas electrointensivas que se acollan a este sistema tarifario terán a obriga de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo. Así mesmo, terían que pular polas condicións laborais e sociais nos convenios colectivos, que deberán ser actualizados, como mínimo, co IPC anual.

 

Doutra banda, e co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a CIG defende que habería que retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da CNMC. Hai que lembrar o  mercado eléctrico español diario é un sistema marxinalista no que todas as fontes de enerxías -con independencia do custe de produción- cobran o mesmo prezo, que vén marcado pola última enerxía que entra na poxa e que consegue casar a oferta e a demanda.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/cig-propon-tarifa-industrial-empresas-grandes-consumidoras-enerxia/20181019105150072972.html


© 2019 Sermos Galiza