Imprimir

O cinema como unha segunda oportunidade da memoria

Redacción | 01 de xullo de 2019

Detalle da cuberta de 'Os amorodos de Bergman', de Fernando Redondo.
Detalle da cuberta de 'Os amorodos de Bergman', de Fernando Redondo.

Un cento de pezas dun minuto de duración, filmadas na Galiza entre 1925 e 1934 pola Sociedade de Amigos do Campo, conforman o material sobre o que o profesor Fernando Redondo Neira construíu o seu ensaio Os amorodos de Bergman, premio Ramón Piñeiro que se presenta esta terza feira, 2 de xullo, na libraría Couceiro de Compostela.

Publicado por Galaxia, o libro “traslada a reflexión sobre a imaxe en movemento ao que se podería considerar unha teoría da percepción: o cinema como unha segunda oportunidade da memoria”. Faino a partir do valioso rexistro fílmico da Sociedade de Amigos do Campo, con base en Ferrol, liderada por Alfonso Piñón e integrada por membros da burguesía que procuraban coñecer o país e, dalgún xeito, documentalo. Dela chegaron a facer parte o alcalde socialista e galeguista do Ferrol republicano Xaime Quintanilla ou o veterinario Rof Codina.Os-amorodos-de-Bergman

As fitas, rodadas cunha cámara Packard 9,5 mm, están depositadas no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), que as restaurou. Á institución chegaran da man do seu director, Guillermo Escrigas, logo de 50 anos en caixas, con cadansúa etiqueta identificativa.

“A película é memoria feita cousas que se ergue ao mesmo nivel da vivencia”, subliña a editorial Galaxia na nota de lanzamento da novidade, “para os membros da Sociedade Amigos do Campo, o gravado pola cámara supoñía a posibilidade de enfrontar lembranza e representación, pasado e presente, sensacións e significado”.

As imaxes que serven de base a Os amorodos de Bergman recollen escenas costumistas, mulleres con olaría ou as rúas de Buño (Malpica) e, de maneira inaudita para a época, gravan por toda a xeografía galega, cando a maior parte do audiovisual galego primitivo facíao na costa.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/cinema-segunda-oportunidade-da-memoria/20190701132711081433.html


© 2019 Sermos Galiza