Imprimir

Folga en Atención Primaria na Galiza: 9, 10 e 11 de abril

X.M.P. | 13 de Marzo de 2019

Imaxe dunha concentración diante do Centro de Saúde de Carballo
Imaxe dunha concentración diante do Centro de Saúde de Carballo

É a proposta feita na Coordenadora Galega de Atención Primaria. O deterioro do servizo e a falla de propostas de solución convincentes levan as e os profesionais a preparar a convocatoria do paro. 

A Folga Xeral en Atención Primaria na Galiza vai collendo forma. O deterioro do servizo e a falla de solucións convincentes por parte da administración leva os e as profesionais deste servizo a ir avanzando cara á una convocatoria de paro. Así, na última xuntanza da Coordenadora galega de Atención Primaria, e despois dun longo debate, fíxose a proposta dunha primeira xornada de Folga Xeral nos días 9, 10 e 11 de abril. Mesmo avanzouse posíbeis lemas para eses paros, como “Máis tempo para as nosas pacientes”.

 

O seguinte paso é solicitar xuntanzas cos sindicatos da Mesa Sectorial, coas Sociedades Científicas ou cos Colexios Médicos para ir avanzando nesta liña. “Mantemos como irrenunciábeis os 5 puntos da xuntanza anterior e a negociación en pé de igualdade coa Consellaría de Sanidade”. Na xuntanza tomaron parte representantes das diferentes asembleas das áreas sanitarias de Galicia, de Sociedades Científicas, membros da Plataforma SOS Sanidade Pública, da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, dos PACs, de Precarias pola Atención Primaria. 

 

A Coordinadora mantén sobre a mesa unha serie de reivindicacións e demandas que consideran de gran importancia: aumento de orzamento significativo para Atención Primaria (até 25% do orzamento sanitario total), incremento  de persoal (convocatoria inmediata de todas as prazas que se necesitan), contratos estábeis e dignos. Entre as demandas do persoal deste servizo tamén está a creación da Xerencia de Atención Primaria en pé de igualdade ca Xerencia Hospitalaria.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/colle-forma-folga-xeral-atencion-primaria-galiza-9-10-11-abril/20190313094207077008.html


© 2019 Sermos Galiza