Imprimir

O comité agarda que as "boas palabras" do Ministerio para Alcoa se traduzan en feitos "canto antes"

Redacción | 18 de setembro de 2019

Mantén o calendario de mobilizacións acordado en asamblea. A ministra de Transición Enerxética anuncioulles a súa intención de visitar a planta de San Cibrao.

O comité de Alcoa-San Cibrao reuniuse a inicios de semana coa ministra de Enerxía, o secretario xeral de Industria, o director xeral de Industria e o secretario de Estado de Enerxía, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. Unha xuntanza, segundo o comité, da que saíron agardando que “os compromisos e as boas palabras” expresadas durante o encontro pola ministra “se traduzan en feitos canto antes”.

A ministra confirmoulles, dixo, que o goberno en funcións non pode aprobar o estatuto para a industria electrointensiva. Anuncioulles tamén a súa intención de visitar a planta de San Cibrao para manter unha reunión co comité, coa dirección da empresa e coa Xunta “na que porá en marcha un grupo de traballo con xuntanzas periódicas”.

A representación do persoal lamenta que nesa xuntanza non se puxera riba da mesa ningunha solución concreta, mais o comité afirma que saíu da xuntanza cunha impresión “moderadamente positiva, á espera de que os compromisos e as boas palabras se traduzan en feitos canto antes”.

Con todo, non esquecen que a alta probabilidade de que se repitan as eleccións xerais fai que as cuestións trasladadas polos responsábeis estatais “non deixen de ser promesas de precampaña electoral que finalmente poden quedar en nada”, polo que se reafirman na necesidade de continuar co calendario de mobilizacións.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/comite-agarda-boas-palabras-do-ministerio-alcoa-san-cibrao/20190918135308084157.html


© 2019 Sermos Galiza