Imprimir

O comité da CRTVG denuncia que a programación de outono “agrava o deterioro” do servizo

Redacción | 06 de setembro de 2019

Sede da CRTVG en San Marcos (Compostela). Foto: cedida.
Sede da CRTVG en San Marcos (Compostela). Foto: cedida.
Ningunha das promesas do director xeral da CRTVG despois das intensas mobilizacións de traballadoras e traballadores se mantén. O comité Intercentros denuncia que a nova programación de outono intensifica a externalización da grella, non aumenta a produción propia e non reforza informativos nin a cobertura local.

“A nova programación que vén de presentar a dirección agrava aínda máis se cadra a deterioración do servizo público”, afirma a representación do persoal nun comunicado que cualifica a proposta de “continuísta”. A subcontratación de programas a produtoras externas atópase entre o que o comité entende como máis grave: “Vulnera o estándar de calidade e os principios básicos que deben rexer a programación nos medios públicos”.

A nota sinala a este respecto a necesidade de “maior control” sobre estas producións a través de produtores delegados para “evitar casos, como o acontecido recentemente, no que unha empresa audiovisual que traballa para TVG publicaba un anuncio en español nas redes sociais solicitando unha familia para participar no programa coa 'mamá sexy, guapa e preocupada pola súa imaxe”. Tamén crítica o programa especial da televisión pública polo nacemento da filla dunha artista que traballa no espazo Land Rober.  

A grella da TVG para este inmediato outono non inclúe programas de produción propia e contradí os anuncios da dirección durante as últimas mobilizacións do persoal en novembro e decembro do pasado ano “en defensa do servizo público”. O comité Intercentros lembra que a cúpula da canle comprometera “a realización e a emisión dun programa sobre Os Castros, outro diario dirixido á infancia e un terceiro late night semanal que non figuran agora na grella”.
 
Para o comité, finalmente, este “deterioro” do servizo público e das programacións de televisión e radio públicas está directamente relacionado coa “política de asfixia na contratación e a ausencia de negociación sobre a estrutura do cadro de persoal e o dimensionamento de todos os centros de traballo”. Ao seu ver, a redución de traballadoras e traballadores por se negar a empresa a cubrir vacantes e contratar persoal de substitución.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/comite-da-crtvg-denuncia-programacion-outono-agrava-deterioro-do-servizo/20190906130333083802.html


© 2019 Sermos Galiza