Imprimir

O comité europeo que persegue as torturas ve “inaceitábel” a situación do cárcere de Teixeiro

Tamara Martínez | 28 de novembro de 2017

Un aspecto do cárcere de Teixeiro
Un aspecto do cárcere de Teixeiro

O CPT, órgao do Consello de Europa, publicou un informe sobre a visita levada a cabo en seis centros penitenciarios do Estado español, entre os que se atopa o cárcere de Teixeiro.

O Comité Europeo para a prevención da tortura (CPT), órgao pertencente ao Consello Europeo, traballa desde o ano 1989 na prevención da tortura e dos tratos inhumanos ou degradantes. Especialmente preocupado pola ampla incidencia e frecuencia dos maus tratos físicos nos cárceres do Estado español, o CPT vén de denunciar que ningún dos procedementos penais iniciados entre os anos 2014 e 2016 por estas violacións dos direitos humanos chegaron á fase final da investigación. Para o CPT, este feito non se trata dunha coincidencia. A ausencia ou a deficiente calidade dos rexistros médicos, unido á falta de información referente aos casos sospeitosos de maltrato físico e ao traslado sistemático de reclusos despois dalgún incidente de importancia, fan destes centros penitenciarios un escenario en que, segundo as denuncias, son demasiado frecuentes os maus tratos e a tortura.

 

A delegación do CPT recibiu un número significativo de denuncias de recentes maus tratos físicos pretensamente cometidos por funcionarios en módulos de réxime fechado e departamentos especiais dos centros penitenciarios visitados. Na maioría dos casos, a violencia empregaríase a modo de castigo informal. No relatorio do CPT atopamos unha denuncia de 9 de agosto de 2016 pertencente a un recluso do centro penitenciario de Teixeiro. O preso alega que, após unha discusión no transcurso dunha inspección da súa cela, foi rociado cun spray de pementa desde o exterior polo grupo de funcionarios encarregados da tarefa. A continuación, denuncia que foi trasladado a unha cela baleira, onde -segundo a súa versión- lle terían propinado pancadas e golpes coas porras por todo o corpo. Despois da malleira, os traballadores terían mantido o preso espido durante 36 horas, fixado boca abaixo mediante suxeición mecánica e sen poder comer nin acceder ao baño durante todo ese tempo.

 

Advertencias

 

A suxeición mecánica durante períodos prolongados continúa a ser unha medida recorrente, aplicada sen esgotar antes outros medios alternativos, segundo o Comité. O CPT denuncia o uso punitivo da medida, que se aplica após episodios de ameazas verbais e resistencia pasiva dos reclusos. Para o comité, a forma en que se leva a cabo a suxeición mecánica podería considerarse como un trato degradante, por non permitirlles facer as súas necesidades. Ademais, a aplicación destas medidas no cárcere de Teixeiro sería -segundo o CPT- bastante habitual, chegando aos 26 casos durante os primeiros nove meses do 2016.

 

Tamén durante este tempo, o centro penitenciario rexistou até 824 sancións disciplinarias. Unha cifra esaxerada se contamos con que a poboación interna é de 1.228 reclusos. Este tipo de sancións continúan a efectuarse con total normalidade no centro penitenciario de Curtis. Unha das medidas disciplinarias impostas con maior frecuencia é a privación de paseos e actos recreativos comúns, o que, en conformidade co artigo 233 do Regulamento Penitenciario, pode impoñerse por un máximo de 30 días no caso de infracción grave. Porén, tres internos pertencentes á prisión de Teixeiro terían sido privados deste dereito durante períodos ininterrumpidos de 111, 90 e 44 días, respectivamente, sempre segundo os dados que manexa o CPT.

 

Entre os anos 2014 e 2016, a Subdirección de Inspección Penitenciaria do Ministerio de Interior levou a cabo un total de 219 inspeccións disciplinarias nos cárceres de León, Puerto I, Puerto III, Sevilla II, Villabona e Teixeiro. Os directores de prisións de Puerto I e Teixeiro informaron o CPT de que tal subdirección non fixera inspeccións nos seus respectivos centros e que, por tanto, non existían informes sobre estas visitas. Pola contra, a información que recibiu a delegación do CPT sinala que foron realizadas até catro inspeccións na prisión de Teixeiro, onde -alegan- se terían repetido episodios de violencia entre presos. O CPT insiste na idea dunha asistencia profesional que inclúa a protección aos presos doutros reclusos e solicita a intervención das autoridades españolas para esclarecer as contradicións manifestas entre estes centros e a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias.

 

"Propensos a conflito"

 

Con relación aos reclusos “propensos ao conflito”, a situación é aínda máis problemática. Desde o cárcere de Teixeiro emitíronse reiteradas queixas á delegación referidas á falla de actividades ocupacionais e á negación de cursos educativos para estes presos. O CPT insiste, máis unha vez, na necesidade dunha gama completa de actividades acordes á súa clasificación dentro do segundo grao. Actualmente estes reclusos só poden usar o ximnasio unha vez á semana, sen posibilidade de acudir a actividades organizadas e sen axuda para a súa reintegración nun réxime ordinario. O comité solicita tamén a retirada das redes metálicas que cobren os patios dos módulos 13 e 15 da prisión de Teixeiro co fin de habilitar estes espazos para presentaren un aspecto máis agradábel e acolledor.

 

Outro dos problemas máis graves detectado polo comité nos centros visitados é o referido á atención psiquiátrica. A peor situación atopámola, máis unha vez, no cárcere de Teixeiro, onde non se recibira a visita dun psiquiatra desde o ano 2011, segundo o informe do CPT. Neste centro, e de acordo cos dados que manexa este órgao do Consello de Europa, 6% dos reclusos reciben medicación antipsicótica e 60%, benzodiacepinas, fármacos que actúan sobre o sistema nervioso central como sedantes. Tampouco existe a figura do psicólogo clínico, fundamental nos centros penitenciarios polo seu labor de investigación e prevención canto á saúde mental. Para o CPT, esta situación é “inaceitábel” e pide ao goberno español a presenza a tempo completo dun psiquiatra e un psicólogo clínico no centro.

 

Ademais dos 147 casos de toxicodependencia, a prisión de Teixeiro conta cunha elevada porcentaxe de reclusos afectados pola hepatite C, ao redor de 25%, sempre segundo as estimacións deste comité. Porén, só un número moi limitado de internos recibiría con regularidade o tratamento antirretroviral máis recente e que é facilitado con normalidade polo Sistema Nacional de Saúde.

 

O Comité solicita así as autoridades españolas unha resposta nun prazo de seis meses en que se informe, de maneira detallada, sobre as medidas adoptadas para aplicar as súas recomendacións. Especialmente preocupado polos casos de maus tratos e o uso excesivo da forza por parte das autoridades, non é a primeira vez que o comité recibe denuncias referidas á casos de tortura. O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, Esculca, solicitou de maneira formal o 17 de marzo do pasado ano, o achegamento de representantes comunitarios ao cárcere de Teixeiro. Na petición, apoiada polo BNG no Parlamento galego, recóllense feitos rexistrados entre 2006 e 2015, que abranguen desde as condicións do centro penitenciario até as infraestruturas, atención sanitaria e alimentación da poboación reclusa. Resultado disto é o relatorio Torturas e maos tratos no Centro Penitenciario de Teixeiro, realizado por Esculca. Nel relátase a deficiente situación dos reclusos afectados pola Hepatite C, aos que se lles está a negar, na maior parte dos casos, o acceso ao tratamento nos penais de Galiza, obrigándoos a se deslocaren a cadeas madrileñas.

 

Relatorio

 

O relatorio refere nove casos de torturas e maos tratos acontecidos entre os anos 2007 e 2015 e que non foron obxecto de investigación. Un deles é o caso de A. P., preso compostelán cuxo corpo apareceu sen vida no interior da cela en 2010. Malia as demandas da familia de que a súa morte fose investigada e de non lles ter sido permitido o recoñecemento do cadáver, o caso foi arquivado pola Defensora del Pueblo. A institución rexeitou tramitar o caso argüíndo que non tería carácter preventivo. A mesma resposta foi a recibida por tres presos que en 1999 denunciaron (co seu correspondente parte de lesións) ser golpeados e mesmo encadeados.

 

Estes son algúns dos casos máis graves que se terían producido no cárcere de Teixeiro, ou ben aqueles que conseguiron traspasar os barrotes da prisión. É precisamente polo silenciamento que existe ao redor dos centros penitenciarios polo que o Comité Europeo para a prevención da tortura esixe que se tomen medidas para que os internos das prisións poidan poñerse en contacto co servizo médico de forma confidencial. Para a delegación do comité, os funcionarios de prisións non deberían examinar as solicitudes dos presos para consultar un médico. Desta forma aseguraríase un tratamento obxectivo nos diferentes casos onde os presos precisen de atención sanitaria e ao mesmo tempo, un control real sobre o tratamento por parte dos funcionarios á poboación reclusa.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/comite-europeo-prevencion-da-tortura-califica-inaceptabel-situacion-do-carcere-teixeiro/20171123192939063618.html


© 2019 Sermos Galiza