Imprimir

O Concello de Ourense retira o apoio ao Festival Internacional de Teatro

Redacción | 02 de setembro de 2019

Cartaz do último Festival Internacional de Teatro de Ourense, celebrado o pasado ano. Imaxe: cedida.
Cartaz do último Festival Internacional de Teatro de Ourense, celebrado o pasado ano. Imaxe: cedida.
O novo goberno municipal ourensán, froito dun pacto entre Democracia Ourensana e o Partido Popular, vén de lle retirar o apoio ao Festival Internacional de Teatro. Denúnciao a Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) nun duro comunicado en que cualifica a decisión de “irresponsábel, lesiva e fondamente preocupante”.

O festival achega ao público desde hai máis dunha década “a posibilidade de acceder a unha programación escénica internacional”. Impulsado pola compañía Sarabela Teatro, a retirada do concello supón “un risco para a continuidade dun proxecto cunha traxectoria consolidada”. O Executivo de Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana) continúa así a liña do anterior alcalde, Jesús Vázquez (PP), baixo cuxo mandato sufriron recortes e mesmo despareceron algunhas das iniciativas culturais máis importantes da cidade.

“O festival contou desde a súa creación hai 11 anos co apoio, o patrocinio e colaboración de diferentes institucións públicas como a Xunta, a Deputación ou o consistorio”, sinala a Asociación de Actrices e Actores, “independentemente da cor política de cada momento. Non obstante, o actual Goberno munidipal decide darlle as costas a un encontro de prestixio para o noso sector e de interese para o público”.

Pérez Jácome aduciu o sábado, 31 de agosto, que o concello apostará “por programación propia, moito máis económica”. Tamén anunciou que o Festival Pórtico do Paraíso -dedicado á música clásica e académica- se queda sen subsidios municipais a causa do que, como no caso do de teatro, entende como “elevado custo e escaso retorno económico”.

A AAAG remata a súa nota co “apoio a Sarabela Teatro e os seus integrantes” polo seu “inxente labor á hora de achegar programación teatral á cidadanía ourensá, fomentar o traballo de base, crear públicos e desenvolver diversos festivais e iniciativas que xeran unha importante riqueza cultural que a actual alcaldía pretende obviar desde a máis impulsiva ignorancia”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/concello-ourense-retira-apoio-ao-festival-internacional-teatro/20190902131449083612.html


© 2019 Sermos Galiza