Imprimir

Concha Murguía e Oiartzun: a irmandade en estado puro

Xosé Estévez | Escritor e historiador.

Sermos Galiza | 26 de febreiro de 2017

Concha Murguía Egaña era filla do organista da Igrexa de San Estevo de Oiartzun, Domingo Murguía, de vella estirpe fidalga orixinaria de Astigarraga, lugar de sona polas sidrerías. Naceu o 29 de Xaneiro de 1806 no antigo hospital, onde moraban seus pais nunhas dependencias anexas, concedidas polo Concello para os seus funcionarios como era o organista. Hoxe o edificio é Biblioteca e Casa de Cultura de Oiartzun. Con nove anos trasladouse a vivir a Tolosa, pois o pai conseguira a praza de organista da Igrexa de Santa María na antiga capital foral de Guipúzcoa. Por iso, algúns historiadores como Vicente Risco sitúan trabucadamente o seu nacemento na vila tolosarra. Nela militará o pai no partido liberal-fuerista abandeirado polo Conde de Villafuertes, D. Ladislao Zabala. A invasión dos “Cen Mil Fillos de San Luis” en 1823, a pedido do incompetente e voluble rei Fernando VII, remata co Trienio Liberal e impón de novo o Absolutismo. Domingo Murguía e a súa filla Concha fuxiron cara Galiza. A filla ficaría e o pai volvería a Tolosa onde morreu pobre e doente, acollido na casa do Conde de Villafuertes. Concha casou co boticario Xosé Martínez e finou medio abandonada, de “una lesión del corazón que no le dió lugar a recibir sacramento alguno”, segundo consta na partida de defunción, el 13 de julio de 1854 en la calle de las Huertas, nº 14, en Santiago de Compostela.

O matrimonio Martínez-Murguía tivo dous fillos. Un deles, Manuel M. Murguía (1833-1923), foi un dos primeiros ideólogos do nacionalismo galego, farturento polígrafo, historiador, investigador, etnógrafo, novelista e primeiro presidente de Real Academia Galega. Casou con outra grande do Rexurdimento Galego, Rosalía de Castro, a quen empuxou a escribir e publicar libros como Cantares Gallegos, no que ela mesmo advirte no limiar o influxo dun vate vasco, Antonio de Trueba. Manuel M. Murguía recoñecería de xeito explícito que encetou a amar a patria Galega ó ver como a súa nai amaba a lonxana Patria Vasca, Terra, “na que nin se teme nin se mente”. Manuel M. Murguía xace nunha humilde e descoidada campa no fondal do cemiterio coruñés de San Amaro, na compaña do seus fillos Ovidio e Amara.

Domingo Murguía e a súa filla Concha fuxiron cara Galiza. A filla ficaría e o pai volvería a Tolosa onde morreu pobre e doente, acollido na casa do Conde de Villafuertes

O 11 de novembro do 2000, día de San Martiño, a Irmandade de Centros Galegos de Euskadi e as Asociacións Culturais “Daniel Castelao”, de Pasaia, e a “Rosalía de Castro”, de Baracaldo, solicitamos da Deputación Foral de Guipúzcoa e do Concello de Oiartzun a celebración dunha homenaxe a Concha Murguía. Ambas Institucións responderon afirmativa e xenerosamente da man de Luis María Bandrés, deputado de Cultura, e Xavier Iragorri, alcalde de Oiartzun. Colocouse na Casa de Cultura unha fermosa placa, conforme ca monumentalidade do lugar, en galego e éuscaro, cas seguintes verbas:”Nesta casa naceu Concha Murguía Egaña (1806-1854), nai de Manuel M. Murguía, berce do nazonalismo galego”. As dúas institucións sufragaron tódolos actos e a edición dun libro da miña autoría sobre a estirpe vasca de Manuel Murguía.

Iosune Cousillas eta Xose Estevez. GoizarinDende aquela efeméride celebramos tódolos anos por estas datas unha homenaxe  a Concha Murguía. Este ano, os días 2, 3 e 4 de febreiro, interviñemos na celebración: a concelleira de cultura de Oiartzun, Iosune Cousillas, filla de Pedro Cousillas, natural de Corme, o poeta oiartzuarra Antton Kazabon, as excelentes músicas Edurne Saizar, Oaihane Mitxelena e Haizea Lekuona, o documentalista Davide Cabaleiro, a bertsolari Ainhoa Aranburu e quen isto escribe. Participaron o grupo “Lartaun”de txistularis do pobo oiartzuarra e os gaiteiros do grupo ”Trisquele” da Casa de Galicia de Donostia. Recitáronse sete poemas de Rosalía de Castro e de dous de Antton Kazabon, en galego e éuscaro. Finalmente agasallamos a Concha Murguía cuha ofrenda floral e gozamos dun excelente refrixerio, chamado “lunch” segundo os posmodernos, doado polo Concello, pois considera que aínda segue vixente o vello refrán latino: ”Primum vivere, deinde philosophare”.

Iosune Cousillas narrou a biografía de Concha Murguía e a do seu fillo Manuel M. Murguía, resaltando as vinculacións vascogalegas. Un servidor insistiu na personalidade de Castelao e as relacións cos nacionalistas vascos a través dos diferentes pactos do Galeusca. Pero o máis sobranceiro dos actos consistiu no descubrimento dos vascos da obra e figura de Rosalía de Castro. Descubriron unha faciana descoñecida súa: a reivindicativa, feminista, denunciadora da emigración e do avasallamento nacional e social de Galiza. 

O máis sobranceiro dos actos consistiu no descubrimento dos vascos da obra e figura de Rosalía de Castro

Tódolos participantes salientamos a solidariedade vascogalega e coincidimos en subliñar que dende unhas pequenas patrias, como a vasca e galega, pódese admirar a grandeza do universo, pois a súa riqueza atópase na variedade e non na uniformidade.

Moitos galegos, que residimos en Euskal Herría, non esquecemos a nosa patria orixinaria nin a nosas raigañas, pois perderíamos a nosa identidade e sen ela non se pode andar polo mundo. Somos a semellanza das árbores. Abrimos solidariamente as polas ós ventos da patria éuscara, pero o toro témolo ben chantado na nación fisterral. Amamos sinceramente esta patria adoptiva vasca que nos agasallou con fogar, agarimo, traballo e familia e apuntalou en nós a conciencia e a fachenda de sermos galegos de nación, arredando seudocomplexos de inferioridade.

Dende o 11 de novembro do ano 2000 e tódolos anos a finais de Xaneiro-comezos de febreiro os corazóns dos oiartzuarras e dos galegoseuskadianos latexan co mesmo ritmo da fraternidade, porque unha filla esgrevia do pobo arrolou no berce a un dos iniciadores do Rexurdimento da dignidade da nación galega, que coñece como ninguén o aguillón das traxedias, entre elas a emigración, denunciada decote polo noso bardo nacional, Manuel María.

Un sinxelo poema deste versificador aficionado non fai máis que salientar os valores da solidariedade e o agradecemento:

OIARTZUN: CORAZÓN E LATEXO DE EUSKAL HERRIA

Oiartzun, berce de Concha Murguía,

na ladeira do Urkabe agarimada,

fermosa terra, por todos ben louvada,

latexo e corazón de Euskal Herría.

 

Seu rexo vástago, Manuel Murguía,

ergueu do chan a Galiza desprezada,

casou ca groria galega máis sagrada,

lumieira acesa, a gran poeta Rosalía.

 

Os xebres galeuskadianos, noite e día,

lembrarán gozosos esta xornada

e seguirán como faro e como guía

a súa existencia,  decote derramada,

coutando con vida exemplar  a sangría  

da súa amada patria, sufrida e aldraxada. 

 

Nota de Sermos: Na fotografía, cedida polo autor, aparece el propio e a concelleira de Cultura de Oiartzun Iosune Cousillas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xose-estevez/concha-murguia-oiartzun-irmandade-estado-puro/20170224174009055248.html


© 2019 Sermos Galiza