Imprimir

Condenadas a vivir soas

Susana Rois | 09 de Xuño de 2019

Vivimos máis anos e cada vez máis soas. Ás veces rodeadas de xente e, ás veces, arredadas de calquera vínculo persoal e afectivo. Illadas. Ben porque pretendemos gozar por fin dunha vida independente, dedicada ao éxito profesional e afastada de cargas colectivas, ben porque buscamos unha experiencia de reencontro persoal ou simplemente outras formas de vida. Son exemplos dunha soidade consciente, voluntaria, de libre elección. Pero haina tamén forzosa, a soidade non desexada que cuestiona o modelo social, económico e cultural dominante. Eis un extracto da información publicada no número 349 do semanario en papel Sermos Galiza.

2Desde que o Reino Unido converteu a soidade nun asunto de Estado coa creación dunha secretaría específica, mudou a nosa ollada sobre esta forma de estar e de sentir, agora considerada cuestión de saúde pública. «É un tema que nos afecta a nivel global», apunta a Sermos Galiza Ana Villar, traballadora social e vogal do Colexio de Traballo Social de Galiza. «Neste momento é un dos problemas máis relevantes, común a todas as sociedades. Aquí cobra importancia porque medra o número de persoas que viven soas e, polo tanto, crece a preocupación». De momento non chegamos ás cotas dos países do norte de Europa, como Suecia, onde unha de cada dúas persoas vive soa e unha de cada catro morre sen ninguén ao seu redor.

 

En 2013 vivían soas no noso país 250.700 persoas. Desde aquela, o número de fogares unipersoais creceu até os 278.600 en 2018. En cinco anos, o número de persoas maiores de 65 que viven soas incrementouse en 18.000, até acadar as 128.800. Son na súa maioría mulleres e viúvas. «Fálase moito da soidade das persoas maiores, e é certo que se trata dun dos grupos máis vulnerábeis. Pero a soidade non é só cousa da vellez. Vémolo todos os días desde servizos sociais. Prexudica sobre todo a persoas con discapacidade, enfermas mentais, persoas sen fogar e persoas en situación de pobreza ou risco de exclusión social», explica Villar.

 

Detectar cada caso esixe ir máis aló da convivencia porque illamento e soidade non sempre van da man. «A soidade», engade, «responde a parámetros sociodemográficos, actitudinais, de comportamento e de relación». Soas nun contorno máis individualista Non é doado definir nin medir a soidade. Tampouco deseñar un marco de intervención único para abordar o impacto que ten nas nosas vidas. Non hai dúas soidades iguais, así que o primeiro paso é diferenciar se se trata dunha soidade imposta ou de libre elección. «Consideramos que a soidade pode ser un aspecto positivo da vida dunha persoa sempre e cando sexa formulada baixo os seus propios criterios e sexa unha cuestión desexada», explica a este medio a doutora en Socioloxía Raquel Buxán.

 

Foino para o escritor e filósofo estadounidense Henry David Thoreau, que a mediados do século XIX decidiu afastarse dos seus para vivir só durante dous anos, dous meses e dous días, sempre consciente da ingratitude que lle supoñía estar só e dos beneficios da natureza como única compañeira. Foino tamén para o filósofo compostelán Ignacio Castro Rei, autor de Roxe de Sebes (2001), as memorias dos seus días de refuxio nunha cabana do Courel onde combinou o sentir abrumador da soidade coa fortaleza e o equilibrio emocional de verse só.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 349 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/condenadas-vivir-soas/20190605192846080480.html


© 2019 Sermos Galiza