Imprimir

As condicións do BNG: SOBERANÍA

Néstor Rego Candamil | Membro da Executiva Nacional do BNG e Secretario Xeral da UPG

Sermos Galiza | 13 de outubro de 2015

Quero comezar por pedir desculpas pola discordancia de número no titular.

 

Quero comezar por pedir desculpas pola discordancia de número no titular. Mais non achei mellor maneira de pór en evidencia a inconsistencia dos argumentos que algúns están a utilizar contra a aposta de candidatura galega de unidade que ten feito o BNG. As últimas declaracións do co-portavoz de Anova, alegando que o atranco para a unidade é que o BNG 'pon 25 condicións' rozan o ridículo e máis vindo dun partido que se mantivo desde o principio á marxe dos foros en que esa unidade se construía e presentou despois un acordo con dúas forzas españolas negociado co núcleo irradiador da Complutense e anunciado en Madrid. Será que van ficando sen argumentos... 

Porque, na realidade, a posición do BNG foi clara desde o comezo e non mudou nin mudará. Propuxemos a unidade e impulsamos a unidade apenas con un único principio: soberanía. Niso se resume todo. Vexamos:

Soberanía para articular aquí, na Galiza, unha candidatura galega, sen dependencias alleas aos intereses da nosa nación e con personalidade xurídica propia.

Soberanía  para constituír un Grupo -ou representación- Parlamentar Galego propio, sen vinculación nin ataduras a ningún outro grupo de forzas políticas españolas, única garantía de actuar sempre en función dos intereses do noso País e do noso povo.

Soberanía para poder defender sen condicionantes nin limitacións no Parlamento español os intereses materiais da Galiza e das nosas clases populares, dos traballadores e traballadoras, de todas as persoas que viven do seu esforzo e contribúen, a pesar das enormes dificultades que deben enfrontar cada día, para o desenvolvemento do noso País.

Soberanía tamén como eixo programático esencial, defendida desde a convicción de que a ruptura que realmente interesa a este País é a da dependencia que nos oprime como nación e nos empobrece como povo. Ruptura, polo tanto, co sistema político español para asumirmos, por medio dun proceso constituínte propio, a capacidade soberana de decidir o noso futuro e tamén a súa concreción: Estado galego independente (opción que defendo) ou Confederación de Estados peninsulares.

Soberanía mesmo para podermos contribuír desde os nosos propios criterios e intereses, para calquera mudanza positiva -en sentido democratizador e de recoñecemento dos dereitos nacionais- que se puider producir no Estado.

Por tanto, hai unha única condición, partillada con moitas outras organizacións políticas, colectivos e persoas que vimos traballando conxuntamente nos últimos meses para facer posíbel unha proposta electoral potente e en clave de País para as próximas Xerais. Enténdese, porque entra dentro da lóxica política en que até o de agora se moveron,  que este criterio non sexa asumido por organizacións españolas como IU e Podemos. E teño que dicir que estaría moi ben que o fose, porque iso significaría que, por primeira vez, porían Galiza por diante e os intereses dos galegos e galegas antes que os criterios e directrices políticas que emanan de Madrid. Mais non será ningunha sorpresa. 

Para Anova, unha organización política galega que se define como nacionalista, cal é o problema? Colocar en primeiro termo Galiza é unha dificultade?

No entanto, para Anova, unha organización política galega que se define como nacionalista, cal é o problema? Colocar en primeiro termo Galiza é unha dificultade? Para alcanzar a unidade hai que deixar de lado os intereses do noso País? Se é así, a min, como a moitas outras persoas, esa unidade non nos serve. Demasiado nacionalista, talvez?

Pois ben, é claro que o BNG non vai renunciar ao nacionalismo por un hipotético rendemento electoral, se esa for a ecuación, cousa que dubido. Como non vai renunciar á defensa da soberanía nin a estar nas próximas Eleccións Xerais. Sería unha grave irresponsabilidade para con este País despois de vinte anos sendo a única voz que defendeu Galiza diante das políticas nefastas e antisociais do Goberno español. 

Mais queremos estar partillando camiño con moitas outras persoas que teñen a mesma preocupación e o mesmo obxectivo e coas que sabemos que podemos coincidir nun programa mínimo común de defensa da Galiza e da soberanía. Por iso o BNG asumiu gustosamente o acordado no Banquete de Conxo, porque sentou as bases para unha candidatura de unidade que se sustentase no principio básico de que Galiza debe actuar como nación no novo escenario político que pode abrirse no Estado.

Creo, sinceramente, que aí foi estabelecido un punto de partida válido para quen pense primeiro na Galiza, que é tanto como dicir que pense nas mulleres e homes deste País, nas maiorías sociais maltratadas pola crise e polas políticas austericidas, antigalegas e antipopulares de Madrid e de Bruxelas. E acho tamén que o proceso de construción da candidatura galega de unidade desenvolvido con posterioridade pola Iniciativa pola Unión foi escrupulosamente coidadoso con todas as forzas políticas e mesmo paciente e insistente con aquelas que non responderon ao chamado. 

Acusar o BNG de 'vitimismo' non só é faltar á verdade, senón que exterioriza prepotencia e dificultade para xustificar a propia posición

Nese sentido, moitas veces o BNG foi inquirido polos medios sobre se esta proposta incluía ou excluía as forzas españolas que se din rupturistas. E a resposta sempre foi a mesma: esta é unha proposta aberta. En todo o caso deberán ser esas organizacións  as que decidan se están dispostas a colocar os intereses da Galiza por diante, romper a subordinación ás direccións de Madrid e actuar exclusivamente en chave de País. Moitas das persoas que están a ler pensarán que para esa viaxe non facían falta alforxas pois, coñecida a traxectoria desas forzas -da clásica, mais tamén da emerxente- parecía evidente que non ía ser así. Pois ben, concordando en que é previsíbel, tamén é verdade que esta proposta permitiu que ficase moito máis evidente e no centro do debate a necesidade de a Galiza actuar por si propia, con absoluta independencia de criterio, en todos os foros en que se debatan e decidan políticas que nos afecten.

Como sempre, cando faltan razóns, abundan os cualificativos. Acusar o BNG de 'vitimismo' non só é faltar á verdade, senón que exterioriza prepotencia e dificultade para xustificar a propia posición. Se por algo se caracterizou a actitude do BNG neste tempo foi pola máxima xenerosidade, máis evidente aínda desde a posición dunha forza política que xa ten representación no Congreso -desde hai 20 anos- e que tería expectativas razoábeis de a manter por si propia. No entanto, entendeu que nun contexto político novo e diante da evidencia de que nos próximos tempos o debate central no Estado español vai xirar inevitabelmente arredor da cuestión nacional,  é precisa a  unidade para termos máis forza á hora de defender os intereses materiais e nacionais da Galiza.

E fíxoo, como sempre, con confianza no povo galego e coa convicción, forxada ao longo de moitos anos de loita, de que a Galiza existe politicamente como nación porque existen forzas políticas propias. Renunciar a iso sería tanto como renunciar ao futuro. E non só non queremos facelo, senón que estamos dispostos a conquistalo coas nosas mans, coas nosas razóns, coa forza do noso amor e co impulso da unidade. Tamén cos votos, claro, cunha proposta de candidatura galega pensada para defender os intereses do noso povo e que, precisamente por iso, se dirixe á maioría social agredida e aspira tamén a conquistar un apoio amplo que dea como resultado un Grupo Parlamentar Galego soberano.

Neste contexto, corresponde a todas as forzas e a todas as persoas tomar decisións xenerosas colocando en primeiro lugar os intereses da nosa Nación. A estas alturas, após o acordo Podemos-Anova-IU é máis que evidente que se están a perfilar dous proxectos diferentes, un centrado no País e construído desde abaixo e outro resultado do acordo coas direccións madrileñas de forzas españolas. Mais, por fortuna,  non se poderá responsabilizar o BNG de colocar ningunha barreira, porque foron outros os que optaron por un camiño distinto. É claro que unha candidatura galega que mereza tal nome non se negocia con Madrid, constrúese aquí, na Galiza e  debemos facela entre todas as persoas que amamos o noso País e nos preocupa o seu futuro. 

Non será o BNG quen feche ningunha porta á unidade, por convicción e por responsabilidade. Podo garantilo con absoluta certeza porque así o ten decidido de maneira firme o conxunto da organización

Por tanto, Anova tamén terá que decidir que camiño coller e, a pesar dos pasos dados, aínda está a tempo de se incorporar á candidatura galega. Creo, ademais, que a súa base social non entendería que unha organización que se define nacionalista optase pola alianza con forzas españolas no canto de contribuír para fortalecer un polo patriótico desde a candidatura galega de unidade. 

Con todo, non será o BNG quen feche ningunha porta á unidade, por convicción e por responsabilidade. Podo garantilo con absoluta certeza porque así o ten decidido de maneira firme o conxunto da organización e das persoas que a conforman. Mais coa mesma firmeza tamén podo asegurar que o BNG non vai ficar parado nin vai abdicar das súas responsabilidades. A súa militancia vai continuar traballando pola candidatura galega no marco do proceso social en marcha  e, por tanto, con todas as persoas que xa veñen participando e con todas aquelas que se quixeren incorporar. Como ben dixo o Portavoz Nacional, Xavier Vence, após o anuncio do acordo tripartito, fagan o que fixeren outros, vai haber candidatura galega de unidade. Galiza precísao.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/nestor-rego-candamil/condicions-do-bng-soberania/20151012213647041518.html


© 2019 Sermos Galiza