Imprimir

O Consello rexional do Loira aproba pedir un referendo sobre a reunificación de Bretaña

Redacción | 22 de decembro de 2018

O organismo solicitará a París que realice a consulta, en demanda da cal se reuniron máis de 100.000 sinaturas.

 

O Consello rexional do Loira Atlántico aprobou a demanda dun referendo sobre a reunificación de Bretaña. Actualmente, Breizh (Bretaña) está divida entre as ‘rexións’ de Bretaña e Loira. Unha partición que vén dos tempos da ocupación de Francia pola Alemaña nazi, cando o réxime colaboracionista de Vichy aprobou o decreto 2727 polo que se creaba a rexión ‘artificial’do Loira Atlántico esgazándoa de Bretaña.

 

Desde hai uns anos colleu pulo un movemento popular en Bretaña que defende a reunificación do país bretón e maior autogoberno. A realización do referendo tivo o apoio de 55 representantes por 3 que votaron non á consulta e 3 abstencións. Esta Cámara rexeitou, iso si, que se procedese a unha reunificación inmediata

 

O presidente do Loire Atántico, Philippe Grosvalet (Partido Socialista), xa anunciou que vai instar o goberno francés a que realice esta consulta. A lexislación establece que se unha petición vai apoiada pola décima parte dos electores dun departamento, poden solicitar á asemblea que se realice unha consulta sobre o tema. No Loira Atlántico hai 993.000 votantes rexistrados, de aí que o movemento pro reunificación traballou para reunir 100.000 sinaturas nese departamento. E lográrono. De aí que Grosvalet convocase a votación no consello rexional.
 

Segundo o recoñecido activista bretón Yann Choucq, a reunificación é a pedra chave sobre a que construír a soberanía do pobo bretón e poder facer unha outra política, centrada nas maiorías sociais do país bretón.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/consello-rexional-do-loira-aproba-pedir-referendo-reunificacion-bretana/20181222171413074852.html


© 2019 Sermos Galiza