Imprimir

ContraMINAcción ve plaxio no informe que desbota o impacto ambiental de San Fins

REDACCIÓN | 30 de xuño de 2019

Rio San Fins [Imaxe: Adega]
Rio San Fins [Imaxe: Adega]

A rede ContraMINAcción, integrada por unha vintena de colectivos, denuncia que o informe dun equipo da USC no que a concesionaria da mina de San Finx e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas se apoian para desbotar o impacto ambiental da explotación está "repleto de plaxios de traballos doutros autores que se manipulan sen pudor". 

A plataforma refírese a un dos informes asinados polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez, quen, segundo explica, "copia parágrafos enteiros sen citar de blogs anónimos de internet". "O informe", engade ContraMINAcción, "fabrica sen base ningunha un suposto fondo natural de metais para os principais metais contaminantes que verte a mina (cadmio, cobre e cinc) e aínda recorre a fenicios, romanos, ‘picheleiros’ e ao mesmo Almanzor para repartir culpas".

En 2017, lembra o colectivo, a concesionaria do Grupo Sacyr que explota a mina de San Fins decidiu recorrer a Macías para dar resposta ás alegacións a que deu lugar a tentativa da mineira de verter millóns de metros cúbicos de augas contaminadas por metais pesados no río San Fins, situado a seis quilómetros augas arriba da ría de Muros e Noia. "As alegacións", lembra a rede, "deixaron en evidencia a burla que supuña o método de tratamento inicialmente proposto e como as verteduras provocarían un agravamento crítico da situación de contaminación".

Así, ContraMINAcción explica que os dous informes de réplica encargados polo Concello de Muros e Verdegaia "demostraron os extensos plaxios, a carencia absoluta de metodoloxía e graves manipulacións de datos no informe de Felipe Macías". Entre estes plaxios atoparíanse, subliñan, un blog anónimo de internet e un traballo presentado polo que fora director da mina nun congreso da Universidade Politécnica de Madrid. 

Apunta a rede que un primeiro informe de réplica realizado por sete técnicos, incluído o doutor en Xeofísica Steven H. Emerman -que esta mesma semana realizou unha nova inspección da mina San Fins-, "desmontou a tese dun suposto fondo natural de metais, explicando os impactos actuais da minaría. O segundo informe de réplica, realizado polo doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga André Pena, ocupouse de mostrar non só a burla que representan os argumentos “históricos” presentados por Macías, senón o modo en que estes foron abertamente plaxiados de distintas fontes".

ContraMINAcción lembra que o director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, está imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental precisamente por ter supostamente facilitado a contaminación causada pola mina San Fins desde a súa reapertura en 2009. "No mes de xaneiro de 2019", apunta nun comunicado a plataforma, "a propia Dirección de Minas remitiu á ONU a tradución ao inglés de partes dun segundo informe asinado por Felipe Macías na tentativa de defender ante este órgano a inexistencia de contaminación mineira".

A "gravidade dos feitos" esgrimidos leva á plataforma a demandar á USC "a retirada da condición de profesor emérito a Felipe Macías e que revise a relación contractual coas restantes persoas responsábeis do informe, no suposto de que teñan algunha".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/contraminaccion-ve-plaxio-informe-desbota-impacto-san-finx/20190630180758081410.html


© 2019 Sermos Galiza