Imprimir

A Coruña e Ourense lideran a caída do PP nas cidades galegas

Redacción | 29 de abril de 2019

[Imaxe: SG] Rúa do Ensanche. Compostela.
[Imaxe: SG] Rúa do Ensanche. Compostela.

En ambas perdeu 15 puntos de apoio nas urnas a respecto das eleccións xerais de 2016. O PSOE logrou a súa maior suba porcentual en Vigo e Ferrol. Unidas-Podemos e En Marea non logran repetir os resultados que hai tres anos obtivera nas urbes ese espazo político. O BNG aumenta nas sete cidades, nomeadamente na Coruña e Compostela.

O desplome do Partido Popular en Galiza tivo un dos seus ecos máis importantes nas cidades, onde o PP perdeu este domingo a respecto dos comicios xerais de 2016 máis de 13 puntos. Un golpe dos bos, propiciado pola fuga de votos cara a Ciudadanos, Vox. O PP cae nas sete cidades galegas. 15 puntos de caída en Ourense, Lugo e A Coruña. 14 en Compostela e Ferrol. 13 en Vigo e Pontevedra. En todas elas en 2016 movíase entre 32 e 40% e agora en ningunha chega 25% agás Santiago e Lugo.

 

O PSOE é a outra cara da moeda. Nas sete cidades galegas experimentou un incremento máis que notábel. De feito, converteuse na forza máis votada en todas. A súa suba máis importante a respecto das anteriores xerais foi en Vigo, Ourense e Ferrol. Nas dúas primeiras incrementou en 12 puntos o seu apoio e na cidade ferrolá en 11.

 

En Común-Unidas Podemos e En Marea fican nas cidades a distancia dos resultados que lograra en 2016 o espazo político que representaba aquela En Marea. Daquela gañaran en Vigo e foran segunda forza en Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol. Terceira en Lugo e Ourense. O domingo, Unidas-Podemos ficou como segunda forza en votos en Vigo, terceira en Pontevedra, Compostela, A Coruña e Ferrol. En Lugo e Ourense, ficou cuarta, por detrás de Ciudadanos.

 

O BNG mellorou resultados a respecto das anteriores eleccións xerais. O seu mellor rexistro foi en Santiago, onde logrou 8,8% (tivera 3,7% hai tres anos) e A Coruña, con 6,8%. Vox, pola súa parte, logra ser quinta forza en Ferrol, Lugo e Ourense, onde se move perto do 6% dos votos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/coruna-ourense-lideran-desplome-do-pp-nas-cidades-galegas/20190429132220078859.html


© 2019 Sermos Galiza