Imprimir

A covardía deconstrúe o Dépor

Carlos Alberto Sánchez | Xornalista

Sermos Galiza | 03 de setembro de 2018

Haberá quen vexa a botella medio chea após os tres primeiros partidos do Deportivo en Segunda. Pero o certo é que o vidro tamén se pode ver medio baleiro. E así, polo visto, é como analizo a situación. Por que? Suponse que o equipo que ten entre mans Natxo González é un grupo para liderar o campionato ou, cando menos, debe aspirar a ser un dos líderes da categoría. Unha suposición que se sustenta en futbolistas veteráns, con ampla experiencia en Segunda, construído cuns superespecialistas. A iso hai que sumar un técnico, que para fichalo, o club tivo que pagar unha cláusula de rescisión, que debe amosar que é un experto no manexo da categoría. Por agora, non é así. 

 

Os optimistas dirán que aínda é cedo para sacar conclusións, que non hai que ser críticos por agora, que a Liga en Segunda acaba de arrincar e é moi longa, que hai futbolistas que acaban de aterrar aos que falta tempo para adoptar e aceptar todas as ordes tácticas do novo adestrador, que hai unha normal falta de rodaxe, ou que o ton físico aínda non é pleno, e outras tantas variables típicas do inicio dunha temporada. Pero a realidade é que após a superrevolución de entradas e saídas, trocando futbolistas de Primeira por outros de Segunda, os erros cometidos polo equipo volven ser semellantes. E sobre todos os erros cometidos, destaca un. Non saber pechar un partido. O único futbolista da defensa que continúa no equipo, Eneko Bóveda, é peor en Segunda que en Primeira, o cal xa resulta descorazonador. Bóveda non marca ningunha diferenza. Tampouco Dani Giménez na portería. A única acción importante que tivo nos tres partidos de Liga, ó saque dun balón parado, o gardamallas herculino cometeu un erro impresentable nun porteiro con veteranía. A típica expresión de saír a por uvas foi o que fixo Giménez no último segundo de partido. Sobre a falta que propiciou o empate a dous, habería que dicir que é unha circunstancia que nunca se debe producir. Se o equipo acaba de marcar un gol para gañar, o minuto e medio que queda debe manexarse con intelixencia, sen cometer faltas, procurando ter o balón afastado da porta e, mesmo perdendo tempo, buscando accións inútiles desde o punto de vista do xogo. O partido ten que estar rematado para o xogo e só consumir tempo ata o final. Aí si se xustifica a resistencia numantina, mesmo atacando.

 

Após a superrevolución de entradas e saídas, trocando futbolistas de Primeira por outros de Segunda, os erros cometidos polo equipo volven ser semellantes 

 

Pero hai máis. Estamos a ver cómo o Dépor marca un gol e logo acúase. Bótase atrás. Renuncia a ter iniciativa. Sestea. Acubíllase. Non exerce liderazgo. Ata o punto de que hai un gran contraste entre o equipo que xoga cando busca o gol, e outro totalmente diferente cando se ve por diante no marcador, aínda que a diferenza no taboleiro de marcas sexa mínima. Se o equipo de Natxo estivo discreto na primeira metade, foi penoso nos corenta e cinco minutos restantes. O Tenerife bailou o Deportivo todo o que quixo na segunda parte. Cando un equipo se comporta con covardía dá sinais de febleza e invita o rival a que cobre vida. Un líder non se constrúe axeonllado, sen dar a cara. 

 

Ademais desa peculiar característica de acuarse en Albacete, Almendralejo e Tenerife hai outros asuntos a analizar. O Dépor produce poucas ocasións claras de gol. E, entre esas poucas, desaproveita, elixe mal a acción de remate ou define con enorme desacerto. Os homes encargados de marcar, por agora, non demostran que son diferentes ou mellores. Pedro Sánchez perdeu unha ocasión de ouro para o equipo, nunha acción, co 1 a 1, na que hai que pedir moito máis.

 

É certo que o equipo está invicto. Que logrou ese resultado xogando tres partidos fóra da casa. Pero non é menos certo que o conseguiu ante rivais de menor nivel, teóricamente máis proclives a poder balancear a prol o resultado.

 

Se o equipo de Natxo estivo discreto na primeira metade, foi penoso nos corenta e cinco minutos restantes 

 

Os futbolistas do Deportivo teñen moito que mellorar, se é que poden, de seu. Están por debaixo da calidade que precisa un equipo que aspira a ser líder. Desde o primeiro partido enfatizo que as mensaxes son de baixo perfil, e como resultado vese un equipo de baixo perfil, que non é líder en nada. Ningunha liña destaca. Moito ten que cambiar o comportamento individual e colectivo para crer que o cadro de Natxo está feito realmente para ascender. 

 

En resumo. O Dépor segue verde, verde, verde. E xa veñen as primeiras curvas. A inminente estrea en Riazor recibindo o líder, o Sporting de Xixón, que si semella, por agora, ter un plan ascendente. Ese plan que falta no Dépor se é que existe.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/carlos-alberto-sanchez/covardia-deconstrue-depor/20180903094702071794.html


© 2019 Sermos Galiza