Imprimir

Data de caducidade para as térmicas en Galiza

Redacción | 16 de novembro de 2018

As Pontes non pasará de 2030 e cobra forza que Meirama feche en 2020, segundo se desprende dos cálculos da Secretaría de Enerxía.

“O que nós cremos que vai acontecer, non o estamos a impoñer, é que entre 2020 e 2030 van fechar todas” (as térmicas). O secretario de Enerxía do Estado, Domínguez Abascal, puxo caducidade á industria térmica en Galiza e no Estado.

 

Meirama, propiedade de Naturgy, non pasará de 2020 ao incumprir a directiva europea de emisións. É unha das cinco que non se adaptaron no Estado ao novo marco e a estas alturas nada de sabe de se Naturgy vai investir os 100 millóns de euros precisos para alongar a vida de Meirama. Son case 200 postos de traballo directos e indirectos que se elevan a 500 de contar os inducidos, segundo os cálculos sindicais.

 

A central das Pontes seguirá despois de 2020 mais non de 2030. O investimento de 200 millóns de euros de Endesa para adaptar o complexo ás obrigas a respecto das emisións e reducir estas en 80% permitirá unha década máis de vida a esta central.

 

Só 5 das 14 centrais que no Estado usan carbón para producir electricidade seguirán máis alá de 2020. As Pontes produce 1.469 MW.

 

Desde o sector do transporte galego xa botaron contas e considera que co fechamento das térmicas perderíanse na súa rama de actividade 150 empregos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/data-caducidade-termicas-galiza/20181116101423073748.html


© 2019 Sermos Galiza