Imprimir

David Bruzos disputará con Luis Villares o liderado de En Marea

Redacción | 24 de novembro de 2018

O exdeputado ourensán no Congreso encabeza a candidatura pactada entre Podemos, Esquerda Unida e as marés de Compostela, Ferrol e A Coruña. Villares incorpora na súa lista varios deputados no Parlamento e a eurodeputada Lidia Senra.

Luis Villares e David Bruzos, eis os nomes que encabezan as dúas candidaturas presentadas no proceso de eleccións internas de En Marea polo liderado da formación. O actual portavoz parlamentar e do partido competirá co exdeputado no Congreso (Bruzos foi congresista por Ourense entre decembro de 2015 e xuño de 2016). Os críticos con Villares lograron finalmente conformar unha listaxe para este proceso, paso lóxico após o plenario de hai unhas semanas, onde foron quen de derrotar as propostas do actual portavoz en determinadas cuestións.

 

A candidatura de Villares leva no número 2 a Ana Seijas, actual viceportavoz de En Marea e unha das persoas da máxima confianza do lucense. No posto 3 vai Pancho Casal, deputado no Parlamento e ex-integrante de Podemos. Os parlamentares Paula Verao, de Cerna, e Davide Rodríguez, de Anova, son os seguintes na lista. Na candidatura figura tamén a eurodeputada Lidia Senra, o alcalde de Salceda, Marcos Besada; Xoán Hermida ou o economista Adrián Dios.


O sector crítico consensuou unha listaxe na que no primeiro tramo hai sete nomes de Podemos, 4 de Anova, 4 de Esquerda Unida e 3 para as marés compostelá, coruñesa e ferrolá. O número 2 da candidatura liderada por Bruzos ocúpao Oriana Méndez, de Anova e o 3 é para Xan 'Papaqueixos' Xove, da Marea Atlántica. Saínza Ruíz, de Esquerda Unida e concelleira de Ferrol en Común vai de catro e Iván Rodríguez, de Anova, está no quinto posto. Isabel Faraldo e o deputado Marcos Cal, ambos os dous de Podemos, son os seguintes na listaxe.


Perto de 4.400 persoas inscribíronse para tomar parte neste proceso no que se elixirá o novo Consello das Mareas e a persoa portavoz da formación. Un proceso ao que se chega após meses de enfrontamentos e importantes tensionamentos internos entre o 'villarismo' e o 'sector crítico', nucleado este en torno á denominada 'Mesa pola Confluencia'.

 

Esta segunda feira, 26, terá lugar a proclamación definitiva das candidaturas. O 27 comezará a campaña electoral, que rematará o 30 de novembro, sexta feira. Entre o 1 e 3 de decembro procederase ás votacións, o 5 será a proclamación dos resultados e o 8 de decembro constituirase o novo Consello das Mareas.

 

Villares: "Esta é a candidatura da unidade"

 

Luis Villares compareceu este sábado en Compostela arroupado por parte da súa candidatura. O portavoz de En Marea dixo que a lista que encabezaba era a "candidatura da unidade", froito da suma de "diversas sensibilidades" e mostra das persoas que acreditan que "as decisións políticas de En Marea tómanse en En Marea".

 

Unha candidatura "que non está pactada coa cúpula de ningún partido, non houbo reparto de sillóns", defendeu Villares, nun argumento que abonda nas crítixas que desde o villarismo se teñen feito á oposición interna de representar intereses e decisións dos partidos da confluencia. 

 

Gómez-Reino

 

O secretario xeral de Podemos Galiza, Antón Gómez-Reino, defendeu a lista de consenso encabezada por David Bruzos. Nunha entrevista no Galicia por diante Fin de Semana da Radio Galega,  destacou que o proxecto desa candidatura representa a maioría social de Galiza e o espazo de "unidade popular" non debe articularse ao redor dun partido político de corte convencional. “Necesitamos unha Marea, non un partido clásico”, dixo.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/david-bruzos-disputara-luis-villares-liderado-marea/20181124084901074004.html


© 2019 Sermos Galiza