Imprimir

David Bruzos: "Temos medo real de que finalmente non se realicen as votacións"

Redacción | 11 de decembro de 2018

Bruzos
Bruzos

O cartaz de Entre Todas —a candidatura do sector crítico que compite coa de Luís Villares pola direccion de En Marea— pon en dúbida a imparcialidade do responsábel da custodia do censo, Gonzalo Rodríguez. "Non se pode separar a intervención de Gonzalo Rodríguez da de Luís Villares", dixo esta terza feira David Bruzos.

 

As auditorías encarregadas pola dirección de En Marea para investigar as pretensas irregularidades que levaron á suspensión sine die das votacións das primarias da confluencia non foron postas en coñecimento da lista Entre Todas, afirmou nun encontro cos medios o candidato do sector crítico, David Bruzos.

 

O ex deputado no Congreso lanzou duras acusacións a Luís Villares, a quen pediu "responsabilidades políticas" por ter decretado a paralización das primarias cun argumento, o da hipotética alteración do censo, que agora non se tería demostrado de acordo cos informes presentados esta segunda feira en conferencia de imprensa por Gonzalo Rodríguez.

 

"Estamos á espera de termos as auditorías", dixo Bruzos, quen a seguir subliñou que do relato oferecido por Rodríguez se desprende con clareza que "non houbo ningunha alteración" do censo e si "un acceso normal e obrigado" de membros do Comité Electoral —órgano controlado polos críticos— para comprobar que todo estaba en orde.

 

"Temos unha situación de aosombro e de medo real de que finalmente non se realicen, non se leven a cabo as votacións", dixo en ton dramático Bruzos, quen xa non desbota a perspectiva dunha ruptura entre as dúas correntes da confluencia. "Teñen [os villaristas] medo a perder esa votación e, por tanto, non queren que se produza", alegou.

 

"Agora mesmo non se pode negar que a situación é moi delicada. Pola nosa banda, levamos defendendo todo o tempo que isto [as primarias] era simplesmente poñer sobre a mesa diferentes visións sobre o que é este espazo político. Mais agora estamos a ver que se está pretendendo quitarlle o dereito ás inscritas a elixir a dirección política e iso non pode ser, non se pode consentir", alegou.

 

"Non sabería dicir se cabe unha ruptura", respondeu Bruzos a unha xornalista. "Nós pensamos que estes conflitos políticos se resolven votando. Na medida en que non se vote parece evidente que vai haber esa ruptura. Nós confiamos en que finalmente as votacións se leven a cabo".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/david-bruzos-temos-medo-real-finalmente-non-realicen-votacions/20181211132548074508.html


© 2019 Sermos Galiza