Imprimir

"No Open Arms o que hai son náufragas"

A.Mera | 14 de agosto de 2019

Rubén Sánchez, portavoz do Foro Galego da Inmigración
Rubén Sánchez, portavoz do Foro Galego da Inmigración

Máis de 500 persoas resgatadas no Mediterráneo atópanse á deriva a bordo dos barcos Open Arms e Ocean Viking debido á negativa de Italia de acoller migrantes. Ademais, ningún país de Europa amosou a súa disposición para resgatar estas persoas. Sermos Galiza conversa con Rubén Sánchez, portavoz do Foro Galego da Inmigración. Con motivo desta crise humanitaria e para esixir ao Goberno español que actúe, esta plataforma de solidariedade convocou esta quinta feira unha concentración ás 20 horas perante a Subdelegación do Goberno na Coruña.

2019081412425185300As embarcación Open Arms e Ocean Viking atópanse á deriva con máis de 500 persoas a bordo debido á negativa do goberno italiano de acoller as persoas refuxiadas que ambos os barcos resgataron dunha morte segura no Mediterráneo. Ante a irresponsabilidade do resto de países de Europa ante esta crise humanitaria, o Foro Galego da Inmigración, así como outras entidades en todo o continente estanse a mobilizar para presionar os respectivos gobernos. Na Galiza a concentración será quinta feira na Coruña ás 20 horas diante da Subdelegación do Goberno e convócaa o Foro Galego da Inmigración. Sermos Galiza conversa con Rubén Sánchez, portavoz desta plataforma, sobre a situación e solucións a esta crise.

Cantas persoas se atopan agora mesmo nas dúas embarcacións?

O Open Arms resgatou 150 persoas refuxiadas e o Ocean Viking, barco de Médicos sen Fronteiras e de SOS Mediterráneo, leva a bordo 350, polo que estamos a falar dun total de 500 persoas atrapadas nestas embarcacións no Mediterráneo pola negativa de Italia para deixarlles tomar terra.

Houbo varias persoas con doenzas así como crianzas que foron desembarcadas nestes días por países como Malta. De todas as maneiras hai moitas crianzas a bordo de ambos os barcos e é inhumano que non se lles acolla. Ademais, segundo a lexislación, non se lles pode devolver aos seus países de orixe. Todas estas crianzas permanecen en cuberta expostas a longas horas de sol e agora todo indica que se achega un temporal, polo que a situación é cada vez máis inhumana e insostíbel, mentres os gobernantes están nos seus despachos sentados e con aire acondicionado. Semella que non senten nada.

Onde foron resgatadas estas persoas refuxiadas?

O punto exacto non o sabemos, mais si foron recollidas en augas internacionais. Nelas, ninguén é inmigrante, simplemente son náufragas, motivo maior polo que os países de Europa non teñen escusa para darlles acollida.

Cales son os principais países dos que parten?

Están chegando persoas refuxiadas de moitas partes do mundo: de Siria, de toda África, de Asia... hai moitos conflitos armados no mundo e grande situación de miseria. Houbo un momento que viñan a través de Turquía e Grecia, mais ese corredor fechouse co acordo da UE con Erdogan e agora veñen polo Mediterráneo central.

Escapan de Libia para xogarse literalmente a vida no Mediterráneo

Sabemos que moitas destas persoas parten de Libia, un país onde se vive unha terríbel situación de escravitude, con violacións e torturas. Este país africano ten tres fraccións militares enfrontadas, é un desastre e hai pouco até bombardearon un centro de migrantes provocando numerosas mortes. Escapan de Libia para xogarse literalmente a vida no Mediterráneo.

Que acontecerá se ningún pais se fai cargo?

Xa non hai operacións de busca nin resgate no Mediterráneo central, pois suspendéronse practicamente na súa totalidade, habendo a penas algún avión que sobrevoa a zona.

Debería haber algún mecanismo automático para pedir responsabilidades penais ante casos como este

Após o naufraxio en 2013 cerca da illa de Lampedusa en que afogaran unhas 600 persoas, púxose en marcha unha operación de busca, resgate e de control da inmigración ilegal que se chamaba Mare Nostrum. Nin un ano durou, suspendeuse e púxose en marcha a operación Tritón que era puramente de control de fronteiras, non tiña ningunha función de salvamento. Seguiulle a posta en marcha da operación Sofía de control de fronteiras e, por tanto, o resgate ficou só en mans de ONG.

Debería haber algún mecanismo automático para pedir responsabilidades penais ante casos como este. Mentres, estanse a desenvolver iniciativas para poder denunciar Italia e Unión Europea e buscar responsábeis. Hai que ter en conta ademais que as últimas leis de Matteo Salvini contradín de fronte o dereito internacional.

Que responsabilidade ten o Estado español?

Cada país ten a súa zona de busca e resgate, España non pode inmiscuírse na de Italia. Porén o barco Open Arms ten bandeira e tripulación española polo que si podería activar mecanismos intermediación para o reparto e acollida das persoas que están nos barcos.

O Estado español tivo retido o Open Arms durante meses en Barcelona baixo amezas de multa de até 900 mil euros de partiren do porto

Ademais o Estado español tivo retido o Open Arms durante meses en Barcelona baixo amezas de multa de até 900 mil euros de partiren do porto. Aínda así partiron, a tripulación non quixo ser cómplice dunha catástrofe humanitaria, mais lembremos que están arriscando o seu patrimonio e incluso a súa liberdade de Italia apresalos.

Teñen máis accións previstas?

Activaremos recollidas de sinaturas para sensibilizar a poboación e presionar o goberno do Estado.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/decenas-crianzas-permanecen-cuberta-expostas-longas-horas-sol-agora-todo-indica-achega-temporal/20190814124927083130.html


© 2019 Sermos Galiza