Imprimir

O dedazo de Pedro Sánchez reforza as posicións de Gonzalo Caballero no PSdeG

X.M. | 18 de marzo de 2019

Caballero e Sánchez
Caballero e Sánchez

O PSdeG-PSOE gábase de ser o partido pioneiro das primarias, mais a última palabra tena sempre o secretario xeral, isto é, a cúpula estatal do partido. Os órgaos federais do PSOE, controlados por Pedro Sánchez, deron un golpe de man ao alterar as listas da formación, non só para as xerais e as europeas, tamén para as municipais. Na Galiza Gonzalo Caballero é quen tira proveito do dedazo de Sánchez.

O Comité Federal do PSOE, a proposta de Pedro Sánchez, introduciu serias alteracións nas candidaturas do partido para os próximos combates electorais. En ocasións contra o votado pola militancia en procesos de primarias.

 

O máximo órgao do partido deu luz verde ao ditame da Comisión Federal de Listas, un ente do que fai parte o secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero. O líder galego non perdeu o tempo e moveu as súas pezas. Respaldado por Pedro Sánchez, propuxo mudanzas substanciais en candidaturas para as eleccións xerais que na súa versión orixinal lle foron adversas: así, Ana Prieto pasou a ser a número un por Lugo, en detrimento de Sonsoles López Izquierdo, a opción na que apostara a dirección lucense liderada por Álvaro Santos. No Senado caía todo un clásico, Ricardo Varela, substituído por César Mogo, persoa tan da confianza de Pedro Sánchez que integra o seu gabinete persoal.

 

En Ourense, tres cuartos do mesmo: emerxía como número un para o Congreso Marina Ortega, co que se desprazaba para o Senado Juan Carlos Rivera.

 

Deste xeito, e sen ser de orixe un cadro político plenamente adscrito ao sanchismo, Caballero fortalecía o seu liderado interno no partido fronte ás baronías terrítoriais. Mais a operación, que resultou tamén en mudanzas nas listas municipais da Coruña, Ourense e Ferrol, trouxo xa os seus primeiros custos: na cidade das Burgas demitía o candidato á Alcaldía, José Ángel Vázquez Barquero, molesto polo ascenso á cuarta praza da candidatura de Concepción García Lozano, en detrimento de Juana Ageitos. Barquero argumentou motivos persoais para xustificar a súa renuncia.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/dedazo-pedro-sanchez-reforza-posicions-gonzalo-caballero-psdeg/20190318102415077168.html


© 2019 Sermos Galiza