Imprimir

'Defende a galega' gaña o premio José Couso de Liberdade de Prensa

Re | 13 de Abril de 2019

tvg
tvg

O persoal da CRTVG que loita contra a manipulación e censura no medio público galego son os gañadores da XV edición deste galardón.

A XV edición do premio José Couso para a Liberdade de Prensa é para Defende A Galega, a iniciativa dos traballadores e traballadoras da CRTVG contra a manipulación e censura neste medio público. A decisión foi anunciada este sábado en Ferrol.

 

Defende a Galega foi a eleita entre as diversas propostas presentadas e entre as que figuraban tamén o 'Diario de Mallorca' e as delegacións baleares de Europa Press e Efe; a xornalista Carole Cadwalladr​ e o xornalista Juan Moreno

 

Esta sexta feira decorreu o 47 'Venres Negro', unha acción impulsada por este colectivo e no que os e as profesionais visten de negro como símbolo de loito polo control político sobre a CRTVG. "DefendeAGalega é o lema da mobilización semanal dos traballadores dos medios públicos galegos, que xunto ás camisolas negras se converteu no último ano nun exemplo de dignidade e de resistencia en defensa do valor da información, sen a cal non é posible exercer a liberdade, e do valor do público, imprescindible para garantir o principio de igualdade de oportunidades", indican desde a organización do premio..

 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e o Club de Prensa de Ferrol crearon este premio en memoria do cámara ferrolán José Couso, morto polos disparos dun tanque estadounidense contra o Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres cubría o conflicto bélico en Iraq para os informativos de Tele 5. Os organizadores queren personalizar na súa figura a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.

 

#DefendeAGalega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jhon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/defende-galega-gana-premio-jose-couso-liberdade-prensa/20190413122942078115.html


© 2019 Sermos Galiza