Imprimir

Defende a Galega recolle o premio José Couso

A.M. | 03 de maio de 2019

Entrega de premios José Couso 2019 [Imaxe: @DefendeAGalega]
Entrega de premios José Couso 2019 [Imaxe: @DefendeAGalega]

A XV edición do Premio José Couso celebrada en Ferrol recoñece a mobilización das traballadoras e traballadores de Defende a Galega contra a manipulación e a censura nos medios públicos.

O Teatro Jofre de Ferrol acolleu a entrega de galardóns da XV edición do Premio José Couso, que recoñece a loita de Defende a Galega e a acción impulsada desde hai un ano por este colectivo, os Venres Negros, en que as e os profesionais visten de escuro como símbolo de loito polo control político sobre a CRTVG.

 

Entrega de premios José Couso 2019 [Imaxe: @DefendeAGalega]Tati Moyano e Carlos Jiménez, profesionais da comunicación na CRTVG que participan dos Venres Negros, recolleron o premio agradecendo a nova oportunidade de proxectar as súas reivindicacións “para que cheguen a un maior número de galegas e galegos, que son as e os propietarios da Radio Galega e da Televisión de Galiza”, afirmaron. Ao tempo, tamén chamaron a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento do medio público e “as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais”.

 

Chamaron a atención sobre a manipulación informativa e o desmantelamento do medio público

 

Ambos reafirmaron a necesidade que ten a sociedade galega de contar cuns medios públicos “libres de inxerencias do poder” para unha convivencia máis rica, máis crítica e máis vizosa.

 

Animaron tamén as compañeiras e compañeiros “con cargos de responsabilidade, a maioría profesionais con criterio e experiencia” a que sexan quen de “esquivar as presións, de plantarse se cadra ante os intentos de manipulación e de aplicar criterios exclusivamente xornalísticos e de servizo público no tratamento cotiá da información”.

 

Moyano salientou durante a intervención que a reivindicación principal de Defende a Galega non é outra que o cumprimento da Lei de Medios aprobada polo Parlamento hai case oito anos e que inclúe medidas como a creación dun Consello de Informativos que vele pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos. Do mesmo xeito, reclamou un Estatuto profesional e un Consello de Informativos na Radio e na Televisión de Galiza.

 

Reafirmaron a necesidade que ten a sociedade galega de contar cuns medios públicos

 

Na recollida do premio, Moyano e Jiménez dedicaron unhas palabras de agradecemento “á profesionalidade doutros medios, a maioría dixitais, que informaron cabalmente das nosas protestas, soportando nalgúns casos, ameazas e presións”.

 

Concluíron o acto declarando que malia as represalias con aperturas de expedientes (como os padecidos pola propia Moyano e Jiménez como informou Sermos Galiza) e o menosprezo profesional e a banalización do seu traballo, "nós facemos valer o noso dereito a demandar, como profesionais e como cidadás, unha información de calidade, independente, veraz e plural nos medios públicos”.

 

As persoas asistentes participaron na tradicional ofrenda floral perante a estatura ‘Ás Ceibes’

 

Previo ao acto no Jofre, as persoas asistentes participaron na tradicional ofrenda floral perante a estatura ‘Ás Ceibes’ no Cantón de Molíns e que contou coa intervención da xornalista Sabela Direito. A xornada tamén contou co anual Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo do grupo Petit Swing.

 

Un ano en negro

 

Foi o 25 de maio de 2018 cando as traballadores e traballadores da CRTVG comezaron a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións sen precedentes nos medios públicos galegos que lograron popularizar a denuncia contra a manipulación informativa na compañía pública, o desmantelamento da mesma e a precariedade que dificulta desenvolver o traballo.

 

 O premio José Couso

 

O premio José Couso honra a memoria deste cámara ferrolán asasinado polos disparos dun tanque estadounidense contra o Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres cubría a guerra de Iraq para os informativos de Tele 5.

 

O premio recoñece a persoas ou organizacións que traballan pola liberdade e contra a manipulación informativa

 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e o Club de Prensa de Ferrol crearon este premio para recoñecer a persoas ou organizacións que traballan pola liberdade e contra a manipulación informativa, así como para lembrar na figura de José Couso todas aquelas persoas profesionais do xornalismo que cada ano son asasinadas, maltratadas ou privadas dos seus dereitos como persoas e como informadoras.

 

Defende A Galega sumase así á lista de gañadoras do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora as galardoadas coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/defende-galega-recolle-premio-jose-couso/20190503204743079060.html


© 2019 Sermos Galiza