Imprimir

Defensa da Ría pide o rescate do Pazo de Lourizán “para a cidadanía”

Redacción | 05 de agosto de 2019

Pazo de Lourizán [Imaxe wikipedia]
Pazo de Lourizán [Imaxe wikipedia]

Denuncia que a Xunta incumpre o convenio e parabeniza a Deputación polo recurso interposto.

A Plataforma en Defensa da Ría (APDR) apoia o recurso contencioso interposto pola Deputación de Pontevedra para que a Xunta rehabilite o Pazo de Lourizán. Por medio da interposición deste recurso contencioso-administrativo a Deputación esixe á Xunta “que cumpra coas súas obrigas" e leve adiante os traballos de conservación do Pazo de Lourizán, co obxectivo de recuperar este elemento do patrimonio histórico e arquitectónico e evitar danos derivados do mal estado en que se atopa.

Defensa da Ría defende que “estas instalacións pertencen ao conxunto da veciñanza de Pontevedra”. Están cedidas ao Goberno galego, desde o ano 1991 e por un prazo de 30 anos, mediante un convenio. Un convenio, indica a APDRA, que “obriga á Xunta á conservación das instalacións da Finca e Pazo de Lourizán, polo que queda claro que existe un incumprimento reiterado do mesmo por parte da Xunta”.

O incumprimento do convenio non debe levar, indican, a ceder finca e pazo á Xunta para que asuma as súas competencias, “como defende Vicepresidencia", senón que hai que traballar “pola súa recuperación para uso e disfrute do conxunto da cidadanía”.

Como? Pois, sinala Defensa da Ría, a través dun “rescate, abrindo logo un concurso de ideas para a recuperación e mantemento público do Pazo”.
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/defensa-da-ria-pide-rescate-do-pazo-lourizan-cidadania/20190805101608082790.html


© 2019 Sermos Galiza