Imprimir

Denuncian a “desfeita turística” en Estaca de Bares, un dos espazos protexidos máis antigos de Galiza

Redacción | 11 de maio de 2019

Imaxe: SGHN
Imaxe: SGHN

A Sociedade Galega de Historia Natural rexistra unha longa lista de actuacións desenvoltas ao abeiro de plans turísticos e que danaron de gravidade este zona e pide responsabilidades á Xunta. 

 

Estaca de Bares (Mañon) é un dos espazos protexidos máis emblemáticos e antigos de Galiza: a súa protección data de 1931 ao ser declarado como Sitio de Interese Nacional polo goberno da Segunda República. Posteriormente integrouse na Rede Natura 2000 e foi declarado Espazo Natural Protexido coa figura autonómica de Zona de Especial de Protección dos Valores Naturais.

 

Todas estas proteccións e todos estes recoñecementos non evitan, porén, a “degracación dun espazo natural sobranceiro” polas realización de diversas obras e actuacións, segundo a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN): “O espazo foi obxecto de múltiples afeccións moi negativas sobre o estado de conservación dos seus hábitats e as poboacións de especies de flora e fauna protexida, que constitúen un claro incumprimento da normativa europea, estatal e autonómica”. Entre esas actuacións rexistran a instalación de diversas infraestruturas vencelladas coa realización dunha das finais de etapa da Volta Ciclista a España 2018.

 

SGHN constatou, aliás, a artificialización e perda de hábitats e poboacións de especies silvestres de flora e fauna nunha área de máis de 400 metros cadrados na parte superior do cantil, que mantiña unha serie de pozas temporais que servían de refuxio a distintas especies de invertebrados e anfibios. “Nesta zona existía un aparcadoiro “alegal” e incumprindo as obrigas establecidas na normativa vixente”.

 

Asimesmo, SGHN constatou a construción dun vial de acceso ao Faro e ao Castro de Estaca de Bares, que afecta a fauna e flora. Tamén a realización de diversas actuacións nas instalacións militares abandonadas e na contorna ocupada por hábitats de interese comunitario. “Cómpre salientar a alteración do único humidal higrófilo , que inclúe representacións de distintos tipos de hábitats naturais.

 

A SGHN solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta se autorizou ou non, de forma individual ou conxunta, estas actuacións.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/denuncian-desfeita-turistica-estaca-bares-espazos-protexidos-mais-antigos-galiza/20190511110014079453.html


© 2019 Sermos Galiza