Imprimir

As denuncias por violencia machista aumentan na Galiza en 38%

Redacción | 17 de xuño de 2019

Concentración contra a violencia machista.
Concentración contra a violencia machista.

A taxa de 10,86 vítimas por cada 10.000 mulleres é das máis baixas do Estado, onde está en 16,11.

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1.736 denuncias por violencia de xénero, o que supón 38,4% máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.254. Son dados proporcionados polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Sobe tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1.354 nos tres primeiros meses do ano pasado, ás 1.520 deste, o que supón un aumento de 13%.

Mantivéronse practicamente os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se nos tres primeiros meses de 2018 optaron por esta opción 76 mulleres, no primeiro trimestre deste ano fixérono 75, o que supón 4,3% das vítimas.

Galiza situouse como un dos territorios cunha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 10,86 persoas, fronte ás 16,11 de media estatal. Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 433 ordes de protección nos órganos xudiciais da Galiza, fronte ás 459 de 2018.

 82,32% das persoas axuizadas na Galiza por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. A media estatal é do 86,07%.

As conclusións destes dados estatísticos, explica CXPX, teñen que ser interpretadas tendo en conta a folga de funcionarios levada a cabo entre febreiro e maio de 2018.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/denuncias-violencia-machista-aumentan-galiza-38/20190617111531080884.html


© 2019 Sermos Galiza