Imprimir

Un Dépor en combustión xa está á beira do ascenso

ERNESTO URIBE | 21 de xuño de 2019

Quique celebra o seu 'gol fantasma'. que si subiu ao taboleiro de marcas
Quique celebra o seu 'gol fantasma'. que si subiu ao taboleiro de marcas

A escalofriante entrada sufrida por Álex Bergantiños, o canteirán a non dosificar nin unha pinga de suor, simboliza o xogo do Dépor neste play off de ascenso. Un equipo entregado, desbocado. Todo o que aforrou durante os seus meses de hibernación na liga regular pono agora sobre o céspede a escadra treinada por Martí. Houbo espazo para o heroísmo no lance do gladiador Bergantiños, mais tamén para a maxia do futbolista con máis talento do combo coruñés, un Fede Cartabia en estado de graza.

Minuto 37. Falta no flanco esquerdo do campo defendido polo Mallorca. Apaña a bola Fede Cartabia. Todo suxire que o arxentino porá o balón no centro da área visitante, á procura dunha cabezada de Domingos Duarte ou Carlos Fernández. Mais o arxentino decide facer aquilo que ninguén agardaba, xusto o que só poden facer os elixidos. Un disparo oblicuo á porta. O gardamallas Manolo Reina ve a bola de esguello. O tempo que o seu cerebro demora en procesar a acción —non é un centro, é un chut! é suficiente para que non chegue a tocar o coiro. Gol. Un tanto maxistral que asinaría sen dubidar Leo Messi.

Minuto 41. Un balón en disputa no centro do campo. Dous futbolistas que van con todo porque é todo o que está en xogo. Unha vítima do choque, sangue abundante na boca e momentos de pánico nas bancadas ao ver o futbolista inmóbil. Non un futbolista calquera, a alma deste equipo. Álex Bergantiños. Pasaría a noite no hospital, após serlle reconstruído o beizo inferior. Non dubiden que se pode, máscara proctectora de por medio, xogará no partido de volta este domingo en Mallorca.

Esas dúas accións, a segunda saldada coa expulsión do mallorquinista Pedraza, marcaron a lume, o que xa había nunhas ateigadas bancadas, o xogo. Co 1-0, o Dépor caeu por momentos na tentación de especular co resultado e na segunda metade criou menos perigo do que cabía agardar. Tamén porque o Mallorca non é calquera cousa e até con 10 futbolistas é capaz de mover a bola e de criar algunha ocasión de gol. Riazor pediu máis aos seus e os seus responderon. Sobre todo o marabilloso pé esquerdo de Cartabia. Só o esquerdo? Ben, no minuto 79 o futbolista de Rosario (si, tamén Messi é de Rosario) deixou ver que tamén ten pé dereito. Del saíu o centro medido, templado, que deu orixe ao 2-1, após cabezada de Carlos Fernández e remate en media chilena de Quique González. Gol con suspense. Gol fantasma, concedido por un xuíz de liña que mostrou ter ollo de falcón.

O 2-0 pon o Dépor en franca vantaxe, nomeadamente ao non ter encaixado gol. Calquera tanto do Dépor en Son Moix obrigaría o Mallorca a marcar 4. De todos xeitos, veremos. A historia do Dépor está chea de episodios triunfais preñados de dor e sofrimento.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Somma (David Simón, min. 45+2), Saúl, Fede Cartabia (Borja Valle, min. 83), Álex Bergantiños (Vicente Gómez, min. 43), Edu Expósito, Pedro, Carlos Fernández e Quique.

Real Mallorca: Manolo Reina, Joan Sastre, Valjent, Raíllo, Estupiñán, Pedraza, Salva Sevilla (Fran Gámez, min. 78), Lago Junior, Dani Rodríguez, Leo Suárez (Baba, min. 52) e Abdón Prats (Budimir, min. 64).

Goles: 1-0 Fede Cartabia (min. 37); 2-0 Quique (min. 79).

Árbitro: Trujillo Suárez (colexio de Tenerife). Expulsou con vermella directa a Pedraza (min. 41). Cartóns amarelos a Leo Suárez (min. 45), Joan Sastre (min. 45), Edu Expósito (min. 45), Lago Junior (min. 54), Pedro (min. 66), Manolo Reina (min. 80) e Raíllo (min. 90+2).

Incidencias:  29.363 persoas no estadio de Riazor.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/depor-combustion-aloumina-ascenso/20190621095703081089.html


© 2019 Sermos Galiza