Imprimir

O Dépor plántalle cara ao Atlético (1-1)

Redacción | 31 de outubro de 2015

[Imaxe: RCDC] Lucas Pérez
[Imaxe: RCDC] Lucas Pérez

O Deportivo volveu amosar en Riazor o gran nivel desta temporada. Nesta ocasión, fíxolle fronte ao Atlético e conseguiu un empate que sabe a vitoria.

De inicio, os madrileños conseguiron o dominio do balón, mentres que o Dépor, fechado atrás, esperaba unha oportunidade que parecía non chegar. Así, na primeira parte, apenas houbo xogadas de perigo real. No minuto 35 chegou o gol do Atlético, cunha xogada iniciada por Carrasco, que despexou Sidnei. O esférico rebotou na cabeza de Fayçal e foi dar a Tiago xusto ao bordo da área. Tiago non perdoou e empalmou o disparo ao fondo da rede.

Co tanto dos madrileños, ambos os equipos aumentaron a intensidade de xogo. O partido chegaba ao encontro cun Atlético que presionaba, con varias ocasións, en busca do segundo gol.

Na segunda parte, o Depor tomou a iniciativa e deixou de fecharse atrás. Así, a través do centro do campo, comezou a ter posesión do balón. As subidas dos coruñeses provocaron que o Atlético dese un paso atrás. Lucas Pérez loitou cada coiro e nunha das ocasións conseguiu o gol do empate. No minuto 76, o coruñés aproveitou un erro de Giménez para recortar a Oblak e introducir o esférico no interior da portería visitante.

O Dépor estivo a punto de darlle a volta ao marcador após o gol de Lucas. Fayçal Fajr golpeou o esférico desde a frontal que bateu no pau.

RC Deportivo: Lux, Laure (Juanfran, min. 75), Lopo, Sidnei, Fernando Navarro, Borges, Pedro Mosquera, Fede Cartabia, Fayçal, Jonás Gutiérrez (Luis Alberto, min. 68) e Lucas.

Atlético de Madrid: Oblak, Juanfran, Giménez, Godín, Filipe Luis, Carrasco (Correa, min. 60), Tiago (Fernando Torres, min. 82), Gabi, Koke, Griezmann e Jackson Martínez (Saúl, min. 71).

Goles: 0-1 Tiago (min. 33); 1-1 Lucas (min. 76).

Árbitro: Pérez Montero (comité andaluz). Amoestou Fayçal (min. 14) e Fede Cartabia (min. 89).

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/depor-plantalle-cara-ao-atletico-consegue-meritorio-empate-1-1/20151031104911042000.html


© 2019 Sermos Galiza