Imprimir

O Dépor recuperáse remexendo na cociña

Carlos Alberto Sánchez | Xornalista

Sermos Galiza | 21 de Xaneiro de 2019

A extraordinaria nova da vitoria do Dépor ante o Albacete non é a vitoria en si. A extraordinaria nova é que Natxo González saíu do monolítico sistema que o estaba afundindo. Deuse de conta. Reaccionou. Certo é que volverá a utilizar o sistema que lle deu vitorias, pero o técnico este domingo mostrou cintura e que a terquedade tiña un límite. 

 

O Dépor pode xogar con máis dun estilo e iso é traballo de quen dirixe o equipo. Comezou a segunda volta con humildade e con sabedoría para tratar de mirar con distancia o proxecto que ten entre mans. Morrer coas botas postas no fútbol nunca foi bo sinal. Un equipo de fútbol non pode xogar a gañar ou perder pola altura do orgullo do adestrador.

 

Hai unha frase moi usada no fútbol moderno que di: “Moito dano lle fixo o Barça ó fútbol”. Porque moitos adestradores xogan a ser o Barça sen ter os xogadores do Barça. Aquela fórmula de Guardiola só funcionaba con aqueles xogadores, pero non era un patrón a seguir por moi bucólica que fose a idea de imitar. O de copiar só lle saíu ben a Inditex, que non se adica ó fútbol precisamente.

 

Cambiou de sistema o equipo de Natxo e mudaron as sensacións do equipo. Máis fresco, máis solto, dinámico, máis vivo, máis perigoso. O Dépor de Natxo descubriu as bandas. Descubriu que ten homes como estiletes xogando pegados á liña de cal, sen insistir sempre a entrar polo medio. E os herculinos entenderán ben a misión. Colleu o Albacete por sorpresa. Moita non era, porque durante a semana con ler os xornais Ramis tiña información suficiente como para saber que este non ía a ser o partido do rombo. Podía ser unha táctica do despiste, si. Co teimudo que é Natxo podía ser. Pero non foi. E o Dépor brillou.

 

O de copiar só lle saíu ben a Inditex, que non se adica ó fútbol precisamente

 

Funcionoulle o plan pola banda dereita. Atopou unha asociación de relevos na parte alta do debuxo táctico que resultou funcionar como unha máquina ben engraxada. Cartabia e David Simón desarmaron pola destra ós manchegos. A esa maquina falloulle o remate de Quique González, que amosa ter un bloqueo mental importante, que non físico. Cando supere a ansiedade que lle come, marcará outra vez.

 

O Dépor xogou ben, pero tivo que botar man do recurso a balón parado para romper o encontro. As xogadas a balón parado xa eran parte do fútbol do Dépor que daba resultado. Foi Cartabia, cunha falta feita para el, a que serviu para devolver a credibilidade á bancada. Si credibilidade. Porque nunha parte de Riazor había certa desconfianza. O equipo estaba en crise. Internamente sabe que estaba vivir unha crise. Externamente negábaa para tentar de autoafirmarse. Cartabia dunha zoupada resolveu as dúbidas. 

 

Na segunda metade, con Cartabia fundido, tras un extraordinario encontro, foi o motor da banda esquerda a que entrou en acción. Culminou a recuperación Borja Valle cun gran gol tras unha excelente xogada persoal. De paso, Borja Valle sacudiu a súa propia seca goleadora.

 

É só un partido. Está claro. Pero o Dépor xa ten un novo fío por onde tirar e demostrar que ten máis que unha soa idea. Para ser campión en Segunda hai que ter máis receitas cá unha. Agora é cuestión de ver se na cociña branca e azul hai máis ideas para gañar a estrela Michelín: o ascenso. 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/carlos-alberto-sanchez/depor-recuperase-remexendo-cocina/20190121100000075363.html


© 2019 Sermos Galiza