Imprimir

Desaparece o festival de jazz de Vigo Imaxina Sons

Redacción | 10 de xullo de 2019

Imaxe do festival Imaxina Sons. Foto: Deputación de Pontevedra.
Imaxe do festival Imaxina Sons. Foto: Deputación de Pontevedra.

Durante 14 edicións consecutivas, o festival de jazz Imaxina Sons levou a Vigo figuras de primeira orde desta música de orixe afroamericana, de Hermeto Pascoal a Marc Ribot, de Luísa Sobral a John Butcher. Logo de mudar de nome en 2018 e pasar a ser Festival de Jazz de Vigo, este ano desapareceu da programación do Concello.

O portavoz do BNG na corporación municipal viguesa  Xabier Pérez Igrexas denunciou esta cuarta feira o sucedido co certame. Lembrou que non hai moito tempo, o alcalde Abel Caballero (PSdeG) prometera converter o Imaxina Sons “nun evento de relevancia europea”. “Converteuno nun evento de silencio”, sinalou.

A última edición xa supuxera unha mudanza na filosofía do encontro. Nun inicio -baixo as direccións consecutivas do contrabaixista Baldo Martínez, do pianista Nani García e da batería Lucía Martínez-, o festival apostou pola promoción da escena galega e europea, amais de por unha acusada vertente vangardista. En 2018, o programa virou máis conservador.

“A cidade parece un tanatorio cultural”, criticou Pérez Iglesias, “e a desaparición deste emblema da política cultural viguesa contribúe á desertización cultural”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/desaparece-festival-jazz-vigo-imaxina-sons/20190710164940081725.html


© 2019 Sermos Galiza