Imprimir

Detidos catro independentistas en Vigo e Vilamarín

Redacción | 16 de xuño de 2019

A Garda Civil no rexistro da vivenda do militante independentista detido en Viamarín.
 Foto: @CausaGaliza
A Garda Civil no rexistro da vivenda do militante independentista detido en Viamarín. Foto: @CausaGaliza

A Garda Civil detivo esta fin de semana catro militantes independentistas no marco da Operación Lusista. Dous deles serían Miguel G.N e Joam M.S, segundo fontes do movemento independentista. Os outros dous son, segundo o Instituto armado, Antom G.M e Asunción L.C, aos que sitúa como "máximos responsábeis de Resistencia Galega" e que as forzas de seguridade indican que levaban buscando desde 2006. A operación segue aberta.

Catro militantes independentistas foron detidos esta fin de semana en Vigo e Oxén (Vilamarín) pola Garda Civil no marco da Operación Lusista ordenado pola Audiencia Nacional e baixo acusacións de pertenza ou colaboración con Resistencia Galega. Causa Galiza, a través das redes sociais, informou este domingo das detencións de Miguel G.N. e Joam M.S, que desde o seu arresto están sometidos a réxime de incomunicación. Axentes procederon ao rexistro da vivenda de M.G en Vilamarín.

A última hora do domingo a Garda Civil informaba a través dun comunicado da detención este  sábado en Vigo de Antom G. M 'Toninho' e Asunción L,C aos que cualifica de "máximos responsábeis de Resistencia Galega" e dos que indica que estaban "en busca e captura" desde 2006. Canda eles detivo  Miguel G,N. ao que a Garda Civil define como "colaborador de Resistencia Galega". Axentes deste corpo detiveron un cuarto independentista neste operativo, ao que acusa tamén de "colaboración".

A Garda Civil informa de que as catro persoas detidas van ser trasladados a Madrid para ficar a disposición da Audiencia Nacional. A operación continúa aberta.

Desde o movemento antirrepresivo convócanse concentracións de denuncia do operativo e de solidariedade para coas persoas detidas.

Concentracións, segunda feira:

Compostela: 20:30 Praza de Cervantes

Ferrol. 20:30 Praza Amada García

Vigo 20:30 Marco

A Coruña 20:30 Obelisco

Pontevedra 20:30 Peregrina

Burela 20:30 Praza do Concello

Ourense 20:30 Praza do Ferro

Lugo 20:30 Praza Maior

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/detido-militante-independentista-vilamarin/20190616181059080873.html


© 2019 Sermos Galiza