Imprimir

Día da Candeloria, o acervo apropiado polo cristianismo

Xosé Lourenzo | 02 de febreiro de 2019

[Imaxe: SG] Paxariños
[Imaxe: SG] Paxariños

Aínda que sen a forza doutras datas, no calendario da cultura popular galega o Día da Candeloria ocupa un lugar preeminente, como proba o feito de ser protagonista de múltiples refráns que perviven na actualidade. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 332 de Sermos Galiza.

2O Día da Candeloria, ese en que casan os paxaros, ten un simbolismo que se remonta no tempo. Nun traballo imprescindíbel do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Fernando Alonso Romero explícase que “foron moitos os deuses celtas cuxos atributos pasaron aos santos cristiáns e foron utilizados habilmente pola Igrexa para difundir o seu culto. Isto foi o que sucedeu coa deusa Brighid, que se converteu en Santa Bríxida sen perder de todo a súa personalidade de antiga deusa”.

 

A festividade de Santa Bríxida celébrase o 1 de febreiro –un día antes que a Candeloria– e, segundo as antigas biografías, subliña o profesor, “protexe especialmente os rabaños de ovellas, o gando e as colleitas”, aínda que os seus atributos esténdense tamén a outro tipo de circunstancias e necesidades humanas: a fertilidade e a fecundidade, presentes na tradición do pobo que con máis intensidade conservou as diversas manifestacións do mito, Irlanda.

 

Neste caso, ademais, “tamén é moi significativo –apunta Alonso Romero– o feito de que a súa festividade coincida con Inbolc, a celebración céltica da chegada da primavera”. Bríxida, polo tanto, sería a santa máis querida en Irlanda e, prosegue o profesor, “todas as manifestacións tradicionais do seu culto están dalgún xeito relacionadas coa produción de alimentos e a protección da vivenda campesiña. A data elixida para a celebración da súa festividade está tamén conectada cos labores agrícolas da semente en primavera, cando comezan a diminuír os rigores do inverno e os días son xa claramente máis longos”.

 

Deste xeito explícase que ao se aproximar Santa Bríxida as labregas e labregos galegos e portugueses lle deran a volta a determinadas pedras para que deixase de chover e poder así traballar na labranza. “Tiña unha finalidade propiciatoria”, manifesta o autor, que se estende tamén ao mundo do mar, xa que “até mediados do século XX existía o costume de virar as tellas de determinadas ermidas costeiras para favorecer o rumbo das embarcacións ou mudar a dirección dos ventos”.

 

En toda Galiza, o día seguinte ao de Santa Bríxida, coñecido como das Candeas, “era considerado como un preludio da primavera; dicíase que nesa data casaban os paxaros e para os pescadores tamén marcaba o comezo da navegación de cabotaxe a vela, tras a longa espera invernal”, engade Alonso Romero.

 

[Podes ler a información íntegra no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/dia-da-candeloria-acervo-apropiado-polo-cristianismo/20190130163107075576.html


© 2019 Sermos Galiza