Imprimir

'Divinas palavras' en galego-portugués

Daniel Salgado | 08 de setembro de 2019

Imaxe de 'Divinas Palabras Revolution', versión de Chévere para o Centro Dramático Galego. Foto: Agadic.
Imaxe de 'Divinas Palabras Revolution', versión de Chévere para o Centro Dramático Galego. Foto: Agadic.
Unha das máis emblemáticas pezas teatrais dun dos máis emblemáticos autores de inicios do século XX pode lerse agora en galego-portugués norma AGAL. A versión de Xavier Andre de Divinas palavras, orixinal de 1920 e obra de Ramón María del Valle-Inclán (Vilanova de Arousa, 1866-Compostela, 1936), consta de 50 páxinas de introdución e 22 de glosario de termos galegos.

divinas palavras“Existe, por quanto eu sei, umha versom portuguesa, mais sendo em padrom lisboeta, nom recolhe o nosso lexico, nem a nossa morfosintaxe, nem a nossa fraseologia específicas, e ao mesmo tempo plenamente lusófonas”, explica Andre a Sermos, vía correo electrónico, “esta ediçom, pola contra, permite espelhar os falares galegos mais enxebres, ou seja, é um ensaio sobre as falas que as personagens de Valle-Inclán empregariam peneiradas de castelanismos”.

Divinas palavras sae da man de Amazon Direct Publishing, que permite “a qualquer persoa publicar o seu livro”. A obra de Valle atópase ademais en dominio público. A tradución de Xavier Andre distribúese nas tendas do xigante multinacional.

A historia do sancristán Pedro Gailo. Ambientada na Galiza rural próxima á costa arousá, a crítica considéraa o cimo do denominado ciclo mítico do autor e un precedente directo dos esperpentos que, axiña, había de encetar Luces de Bohemia (1924).

“As misérias e os esperpentos de Valle-Inclán som características intemporais das sociedades humanas”, entende Andre, “obviamente, a igreja já nom tem hoje o poder que dantes tinha coas súas 'divinas palabras', mas existem outras maneiras mais subtis de 'termar' do povo, de mantê-lo assobalhado e na ignorância...”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/divinas-palavras-galego-portugues/20190905113911083755.html


© 2019 Sermos Galiza