Imprimir

“O do vertido dos lodos é outra espada riba da cabeza do sector do mar, e xa non eran poucas”

X.M.P. | 12 de xuño de 2019

Miguel A. Iglesias.
Miguel A. Iglesias.

A noticia de que a administración autorizou a verter nas proximidades de Sálvora, na entrada á Ría de Arousa, as 300.000 toneladas de lodos que se extraian do dragado do Lérez pon en pé de guerra o sector do mar arousán. Un sector afeito a mostrar unidade e constancia en batallas recentes como a que protagonizou contra a Lei de Acuicultura ou a que mantén contra a mina de Touro-O Pino.

“Despropósito” é unha das palabras máis repetidas estes días na Ría de Arousa. Así se refiren ao proxecto de verter ducias de miles de metros cúbicos de lodos á entrada da ría máis rica e produtiva. “Despropósito” é o cualificativo que lle merece tal proxecto a Miguel A. Iglesias, patrón maior de Rianxo, confraría que como as outras desta ría fan parte da PDRA, Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, que xa empezou a mover ficha para evitar iso, o “despropósito”.

Como senta no sector do mar esa autorización da administración ao vertido? E como senta, ademais, enterarse pola prensa?

Mal, claro, como vai sentar? Van botar aí [nun punto situado a 2 millas da zona marítima protexida de Sálvora e 3,7 millas de Ons] una cantidade moi grande, falan de máis de 300.000 toneladas de lodos. Non o sabemos con exactitude porque oficialmente non se nos di nada. Cremos que hai outros sitios onde depositar eses lodos sen que sexa na entrada da ría máis produtiva da Galiza.

Un sitio por onde, ademais, entran as correntes á Ría...

Xusto, a foxa esa está no sur da Ría, onde máis entran os ventos na Ría cando é inverno. Un punto que está canal de entrada das augas que provocan o afloramento na ría de Arousa.

Xa empezastes a reunirvos entre os sectores da Ría para dar resposta a isto..

A través da PDRA, que representa unha rede moi ampla. Estamos todos xuntos nisto e a unidade é moi importante.

Que efectos temedes que poida provocar o depósito deses lodos no punto designado. Unha zona xa establecida a finais dos 90 e que acolle millóns de toneladas de lodos portuarios...

Non sabemos a ciencia certa que materiais van ir neses lodos. Non se nos informou. Mais si que sabemos que todas esas lamas teñen metais pasados. Non entendemos como queren botar a merda que sacan de dragar o río Lérez aquí. Non deixa de ser curiosos que cando aquí se pediu un dragado da desembocadura do Ulla para poder facelo máis produtivo no marisqueo dixérannos que non era posíbel. Mais dragar o Lérez e traer eses lodos aquí si o é, polo que se ve.

Algunha explicación da administración?

O que sabemos até agora é pola prensa. Incluso o compromiso que anunciou a Consellería do mar de que os lodos só se botarían alí se non contaminan enterámonos pola prensa. Teremos que estar atentos a ver o que fan e que lles quede clara cal é a nosa postura

A preocupación no sector está aí...

Claro que hai. É outra espada que temos riba da cabeza e xa non eran poucas. Outra preocupación máis, porque tememos que isto a longo prazo, ou non tan longo, vai acabar pasándonos factura. O sector do mar está xa apertado en moitos aspectos, como as cotas, e por riba con este tipo de cuestións, como estes vertidos ou a mina de Touro-O Pino, a cousa empeora. Machácannos dicindo que hai un descenso de pesqueirías e falando de sobrepesca pero habería que estudar ben até que punto a contaminación non é responsábel dese descenso en certas especies. É unha mágoa. Esta Ría ben xestionada podería xerar o dobre de postos de traballo que xera agora.

É a contaminación un dos impedimentos para iso?

Ano tras ano vemos como en determinadas especies a produción car na Ría de Arousa. Por exemplo, o que pasou co berberecho hai uns anos, que desapareceu. A ameixa fina está desaparecendo nesta Ría, a ameixa babosa cada vez vese menos... Son moitas cousas as que poden afectar nisto, desde a contaminación até o cambio climático, que fai subir a temperatura da auga un grao e iso provoca mortalidades. Hai estudos de biólogos que indican estas causas.

Falabas antes de que o sector do mar está apertado...

Afógannos ada vez máis, sobre todo á frota de baixura ou pesca artesanal. Temos o exemplo no ‘xeito’, que é unha das artes máis respectuosas, só colle sardiña. E a cota que nos puxeron de sardiña é ridícula, e cando veña a xouba, que é o que se gaña algo de carto, imos ter que fechar. Están a facer inviábel traballar na baixura, non compensa economicamente. Europa parece que non acaba de entender que isto é unha pesca artesanal, unha pesquería puntual e que non repercute no stock da sardiña. Nós con 300 toneladas de sardiña vivimos todo o ano. O ano en que máis pescamos foron 175 Tm e iso afecta ao stock de sardiña?  Pero se iso cólleo un cerqueiro en dous días! O xeito debería estar exento de estar nesas cotas.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/do-vertido-lodos-outra-espada-riba-da-cabeza-do-sector-do-mar-xa-non-eran-poucas/20190611124856080664.html


© 2019 Sermos Galiza