Imprimir

Duplícanse os bens galegos nas listas vermellas de patrimonio en perigo

Sermos Galiza | 14 de outubro de 2016

Torre de Taboi
Torre de Taboi

As listaxes feitas por asociacións para a defensa do patrimonio como 'Patrimonio Galego' ou 'Hispania Nostra' engrosan mes a mes con novos elementos patrimoniais do noso país que están en risco de desaparecer ou degradarse. 

'Hispania Nostra' naceu hai 40 anos para defender e poñer en valor o patrimonio do Estado español desde a sociedade civil. En 2007 impulsou a coñecida como 'Lista vermella do patrimonio', unha listaxe na que se inclúen aqueles bens e elementos do patrimonio que estén en grave risco de degradación, deterioro ou desaparición. Unha 'comisión científica' integrada por especialistas na materia é quen elabora esta lista en base a criterios como a importancia histórica e arquitectónica do ben ou o estado no que se encontra.

En 2014 un total de 12 bens galegos figuraban nesta táboa de 'HN'. Dous anos despois, ese número aumentou a 18, seis máis. A maior parte deles están na provincia de Pontevedra (7) e da Coruña (6). A Lista Vermella contempla tamén 3 elementos en Lugo e outros tantos en Ourense.

Torres, pazos, dólmenes

A Torre de Taboi, en Outeiro de Rei, a basílica de Santa Mariña de Augasantas, a Torre Fortaleza de Sarria ou o sanatorio de Cesuras (estilo modernista) son algúns dos elementos sobre os que HN advirte do risco no que se atopan. Mais a lista é máis grande: as pinturas murais da igrexa de S. Xulián de Moraime (Muxía, o Forno dos Mouros (Dolmen de Moruxosa) ou o Mosterio de Santa María de Monfero tamén entran nesta triste clasificación. O pazo episcopal de Diomondi, no Saviñao, é outro dos bens de patrimonio sobre os que advirte esta asociación de HN (que ten como presidenta de Honra a Sofía de Grecia, consorte do Borbón). A casa dos Duques de Terranova (Vilagarcía de Arousa) é unha das últimas inclusións

89 bens en risco para 'Patrimonio galego'

Máis completa e traballada é aínda a lista vermella (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles en estado de abandono ou risco)  que fai Patrimonio Galego, que leva catalogados 8.500 bens culturais por todo o país. Na súa lista vermella figuran 89 bens culturais “en perigo inminente”. De conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos, diversos elementos integran esta lista de Patrimonio Galego, que di que “está formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”.

O Convento de Montecubeiro (Castroverde), a Ponte Cabirta (Bugallido-Ames), o Círculo Lítico de Castrotión (Oca-A Estrada) ou a Igrexa de Santo Estevo de Pardollán (Rubiá) son só catro exemplos de bens patrimoniais galegos que figuran na ‘lista vermella’ elaborada por ‘Patrimonio Galego’. A principios de 2015 figuraban nesa lista por volta de 40 elementos, e un ano e medio despois ese número duplicouse.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/duplicanse-bens-galegos-nas-listas-vermellas-patrimonio-perigo/20161013164109051930.html


© 2019 Sermos Galiza