Imprimir

Ecoloxistas galegos lanzan un manifesto polo clima e urxen medidas “reais e efectivas”

Redacción | 10 de setembro de 2019

[Imaxe: Greenpeace] Acción contra o cambio climático en As Pontes no 2006.
[Imaxe: Greenpeace] Acción contra o cambio climático en As Pontes no 2006.
Asociacións e movementos ecoloxistas como ADEGA, Verdegaia, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Fridays for Future, Extinction Rebellion e Masa Crítica traballan no borrador dun documento que resume as súas propostas contra o cambio climático e que será un dos elementos das reivindicacións da folga climática mundial do próximo día 27.

“Asuman a emerxencia climática como un grave problema para o conxunto da sociedade, da biodiversidade e o mantemento da vida e non como un novo nicho de oportunidades economicoempresariais”, proclama o Manifesto Galego polo Clima que acordaron os ecoloxistas e que se está a distribuír estes días antes do comezo das accións previstas para animar a convocatoria do 27.

“Entendemos que é hora de sumarse de xeito inmediato a un cambio global de modelo e de paradigma; asumido que non é posible o crecemento continuo nun planeta de recursos limitados (...). Xa non acreditamos no crecemento sustentable, no capitalismo verde, na economía circular, nas baixas emisións, nas medidas correctoras, nos filtros anticontaminación, nas inspeccións”, advirten os autores do texto. “Exiximos medidas concretas para alcanzar as cero emisións netas de gases efecto estufa antes de que se dea unha situación irreversible. Evitar que a temperatura global se eleve por encima dos 1,5 graos centígrados debe ser unha prioridade para a humanidade”.

O manifesto conclúe cunha apelación as diferentes Administracións, da estatal até as locais, para que cumpran nove demandas concretas. Entre elas, un cambio na política forestal “como medida para previr os incendios que serán mais graves polo cambio climático”; unha maior eficiencia no uso da auga, “que será máis escasa cando máis necesaria é (nas secas)”; unha política agraria que favoreza a soberanía alimentaria; e a construción e rehabilitación de vivendas “con conceptos bioclimáticos e de consumo nulo” de enerxía.

Despois de publicarse esta información, fontes de organizacións ecoloxistas matizaron a Sermos Galiza que o manifesto empezará a distribuírse esta terza feira entre máis grupos e que aínda debe ser sometido a debate en varias delas.  
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/ecoloxistas-galegos-lanzan-manifesto-polo-clima-urxen-medidas-reais-efectivas/20190910122648083891.html


© 2019 Sermos Galiza