Imprimir

Editorial Sermos333: Relear coa saúde

Editorial | Sermos Galiza Editorial

Sermos Galiza | 06 de febreiro de 2019

Externalización, colaboración público-privada, xestión sanitaria eficiente… son os eufemismos aos que a Xunta recorre para se referir ao progresivo desmantelamento da sanidade pública e á privatización dos seus segmentos máis rendíbeis. Converter a sanidade en mercadoría implica, tamén, relear coa saúde, xogar con vidas.

 

Galiza foi no seu día un banco de probas das políticas neoliberais do PP para a sanidade. Non é casual, por tanto, que o maior hospital privado no Estado español e que nutre boa parte do seu negocio grazas aos máis de 75 millóns públicos que recibe -Povisa- estea aquí. O modelo privatizador, que comezou da man de Romai Beccaría e Núñez Feixoo coa Fundación Hospital de Verín, avanzou a pasos de xigante nos últimos anos e resúmese na especulación usando como moeda de cambio a nosa saúde.

 

Entre 2013 e 2017, o Sergas derivou case 350 mil pacientes á privada e pagou por iso máis de 600 mil euros. En cambio, as persoas profesionais da medicina seguen a padecer contratos temporais -mesmo de días e horas- e a Atención Primaria reséntese do seu abandono -hai médicas e médicos que chegan a atender 60 doentes nunha xornada-. Malia isto a Xunta segue sen contar co risco que implica desatender doenzas facilmente controlábeis e que poden rematar en atencións de urxencia máis perigosas e custosas. A sanidade non é un casino.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/editorial/editorial-sermos333-relear-coa-saude/20190206122357075789.html


© 2019 Sermos Galiza