Imprimir

Unha educación sexual propia

Susana Rois | 28 de outubro de 2019

Expertas en educación sexual reclaman unha materia integral, transversal e adaptada.
Expertas en educación sexual reclaman unha materia integral, transversal e adaptada.

O uso do preservativo diminuíu ao tempo que aumentaron as enfermidades de transmisión sexual. A raíz da súa experiencia, expertas en atención e educación sexual reclaman campañas propias de prevención dirixidas ás xeracións máis novas. A falta de investimento na materia nas últimas décadas deixa unha mocidade desamparada, sen información real adaptada ás súas necesidades e aos seus intereses sexuais.

“Non poñas escusas, o preservativo é o mellor aliado”. Os centros Quérote+ da Xunta de Galiza porfían nunha medida preventiva que volve coller forza ante o incremento das Infeccións de Transmisións Sexual entre a poboación máis nova.

O uso do condón entre a mocidade de 15 a 18 anos diminuíu desde o ano 2002 nove puntos porcentuais, de 84 a 75%. Son os datos oficiais que manexa o Ministerio de Sanidade, abondos para motivar unha nova campaña que promove o uso do condón entre os máis novos.

#SemprePreservativo, é o cancelo que comezou a mover este verán nas redes sociais e que conta co apoio dun colectivo amplo de profesionais sanitarias, psicólogas e educadoras que defenden unha dimensión da sexualidade en toda a súa diversidade. Física, afectiva e saudábel.

Dúas décadas sen campañas de prevención

“A última campaña potente que lembramos todas é o Póntelo. Pónselo, e é dos anos 90. Desde aquela, coincidindo co boom da epidemia do VIH, non se volveu facer nada”, explica Sabela Iglesias, xinecóloga no Álvaro Cunqueiro e autora do libro Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo. “No momento en que a enfermidade causada polo virus do VIH deixou de ser mortal e se converteu en crónica, o medo social calmou e deixouse de gastar tanto en campañas de concienciación como en educación sexual”.

preservativos querote mais 2Agora, asegura en declaracións a Sermos Galiza, estamos recollendo os froitos de todos estes anos de seca. “A mocidade vese falsamente protexida porque non coñecen ben os riscos aos que se expoñen. Non coñecen as Infeccións de Transmisión Sexual (ITS). As rapazas máis novas empezan a falar algo do virus do papiloma porque se vacinan contra os 12 anos. A súa experiencia sérvelles para socializar o tema, pero pouco máis”. A outra referencia que teñen, pouco consolidada, é a do VIH. “Non acaban de sentir que lles poida pasar a eles. Teñen unha imaxe dos afectados moi concreta e ao non se veren representados por ese estereotipo, cren que están protexidos”.

O VIH, aínda presente pero deturpado

Desde o ano 2011 os centros Quérote+ realizan a proba rápida do VIH de maneira anónima, confidencial e gratuíta a mozos e mozas maiores de 16 anos, un recurso que lles serviu para observar e coñecer esta realidade de forma máis próxima. “O VIH segue presente, a esforzo que se fixo no pasado deixou o seu pouso pero hai unha falta de información substancial”, explica a este medio Noa Tilve, coordinadora dos Quérote+ e psicóloga do centro de Compostela.

“Na sesión previa á proba de detección é habitual descubrir que a mocidade non sabe en que situacións se contaxia nin que fluídos entran en xogo na súa transmisión sexual”, di Tilve. Segue sendo unha enfermidade estigmatizada que dalgunha maneira eclipsa outras infeccións importantes polas que ninguén pregunta. “Veñen pola proba do VIH despois de expoñerse a unha situación de risco e levan unha sorpresa cando lles explicas que ademais deste pode haber outros contaxios”.

Fóra diso pode haber algunha consulta residual sobre herpes, gonorrea ou fungos vaxinais. Máis aló, asegura, “non saben nin que existen nin como se transmiten”.

Educación sexual, materia pendente

Desde o ano 2015, Sabela Iglesias converteuse na primeira referencia canto a educación sexual para boa parte da rapazada de Vigo. Ese ano comezou o seu percorrido polos colexios e os institutos da bisbarra a petición de nais, pais e responsábeis dos centros de ensino. Imparte charlas formativas a nenos e nenas de 5º e 6º de primaria máis á rapazada da ESO e Bacharelato. Coas primeiras fai fincapé na educación afectivo sexual máis aló dos límites do heteronormatividade. Coa segunda afonda na expresión máis física das relacións sexuais e nas súas posíbeis consecuencias. Ofrece información e atende as súas preguntas.

condon querote mais 2“Cando lles das información queren saber máis. Teñen moito interese. Pero de entrada, as súas dúbidas teñen máis que ver co porno que consomen. É habitual a partir dos 13 ou dos 14 anos e pouco ten que ver coas relacións sexuais habituais, pero os seus intereses están aí, esas son as súas referencias e non a información máis básica sobre o contaxio de ITS ou sobre a prevención de embarazos non desexados”.

O persoal dos centros Quérote+ tamén está afeito desde o ano 2006 a este tipo de intervencións breves nas escolas “pero a educación sexual ten que ser integral, transversal, atender a todos os ciclos educativos e dispoñer de materiais adaptados para cada curso. Non podemos esperar e poñernos a apagar lumes en secundaria, nin facer depender a educación sexual do compromiso nin dos esforzos puntuais de cada centro de ensino”, mantén Noa Tilve.

As novas xeracións exixen as súas propias campañas

Conseguir que a rapazada se coñeza, se acepte e se exprese de forma satisfactoria en cada momento, como pretenden desde os puntos Quérote+, require levar información de primeira man a onde está a mocidade. Segundo Tilve, “as ITS seguen existindo e pódense previr, e é necesario que as xeracións novas o teñan claro. Por iso precisan campañas propias, adaptadas á súa realidade e aos medios nos que están. Só así serán conscientes para tomar as súas propias decisións”.

E aquí volven coincidir as expertas. Lograr este obxectivo é unha carreira de fondo que exixe un traballo continuado. Perder isto de vista, din, significa pagar as consecuencias con saúde.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/educacion-sexual-propia/20191024181329085825.html


© 2019 Sermos Galiza