Imprimir

Enfermeiras eventuais volven concentrarse para denunciar a precariedade

Redacción | 12 de agosto de 2019

Foto: @Mnika271
Foto: @Mnika271

As mobilizacións pretenden visibilizar unha problemática que afecta miles de profesionais no noso país.

Desde o pasado 12 de xullo os días doce de cada mes o colectivo Enfermeiras eventuais en loita concéntrase diante dos centros sanitarios para denunciar a súa situación de precariedade e visibilizar as súas reivindicacións. #12meses12loitas é o nome que lle dan a esta iniciativa. “Reunirémonos diante dos diferentes hospitais galegos e centros de saúde con camisolas negras ou ben coa roupa de traballo e un lazo negro”, explicaban ao dar a coñecer esta iniciativa

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, formado por máis de dez grupos locais da área sanitaria galega, publicou recentemente o Manifesto pola fin da Precariedade na Enfermaría Galega, un documento no cal arremeten contra a falta de garantías e a precariedade laboral á que se ven sometidas.

No texto, faise alusión ás trabas existentes para conciliar o traballo coa vida familiar e social, a imposibilidade de coller vacacións ou permisos laborais, ás ameazas de penalizacións nas listas de contratacións e a continua mobilidade dos servizos. Unhas condicións que perduran desde hai doce anos e que na actualidade, tal como aseguran, sofren dez mil enfermeiras.

Desde o colectivo consideran que a actuación da administración non é a máis adecuada. Alegan que esta ten “escravizadas e sen dereitos” miles de profesionais cualificadas que non contan con contratos estábeis e ás que poden recorrer “a calquera hora do día”, dado que “se non, non comen”.

“Por aforrar cartos contrátannos de segundas a sextas no mesmo servizo, dannos de baixa a fin de semana, que a temos que traballar noutro sitio, e a segunda feira seguinte volvemos cun contrato novo a ese servizo”, denunciaba Tania, unha das voceiras deste colectivo, nunha entrevista en Sermos Galiza.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/enfermeiras-eventuais-volven-concentrarse-denunciar-precariedade/20190812161203083040.html


© 2019 Sermos Galiza