Imprimir

A empresa ferrolá Englishpanish ofrece a tradución gratuíta de páxinas web ao galego

Redacción | 15 de maio de 2019

[Imaxe: Cedida]
[Imaxe: Cedida]

Con motivo do Día das Letras Galegas, a empresa Englishpanish ofrecerá á súa clientela a tradución gratuíta das súas páxinas web ao galego. Esta promoción, cuxo obxectivo é a normalización lingüística, durará o que reste de ano e cubrirá 1000 palabras.

A compañía de tradución Englishpanish lanzará, ao abeiro do Día das Letras Galegas, o “Ano das letras”, unha campaña para promover a normalización lingüística no mundo dixital empresarial galego.

 

A iniciativa consistirá en ofrecer á clientela que sexa da Galiza ou que teña actividade nela a tradución gratuíta á nosa lingua de todas as súas webs. Esta tradución agasallarase ás empresas cando contraten a interpretación das súas páxinas a outro idioma.

 

A promoción, que durará o que reste de ano, cubrirá un máximo de 1.000 verbas. En palabras da propia compañía, “as suficientes para abranguer as principais seccións dunha páxina de empresa: Inicio, Quen somos, Servizos, Contacto, etc”.

 

A idea desta campaña xurdiu durante a tradución ao catalán do sitio dunha empresa galega con clientes nese territorio. A súa web, unha vez rematado o traballo de Englishpanish, ía quedar en castelán, inglés, francés e catalán. Segundo explica o director da compañía, Francisco Borxa González, “pareceunos un contrasentido fóra de toda lóxica que tivese a páxina en catro idiomas e que ningún deles fose o galego, e chegamos á conclusión de que este non era un caso illado”.

 

A empresa propúxolle ao cliente, entón, a tradución gratuíta das súas páxinas ao galego, e “a súa resposta afirmativa foi o que máis nos animou a lanzar esta campaña”, declara González, quen engade que o empresario ve o idioma como unha simple ferramenta para comunicarse.

 

Nesta liña reflexiona que as compañías “non pensan que a lingua é, tamén, a pedra angular en que se asenta todo un país e que, se eu teño clientes que falan galego na porta do lado do meu negocio, é ‘indecoroso’ non me dirixir a eles en galego cando, ao mesmo tempo, estou a facer todo o posíbel por promover a empresa na lingua de persoas que residen a miles de quilómetros de distancia”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/englishpanish-ofrece-traducion-gratuita-ao-galego-das-paxinas-web-todas-empresas-galegas/20190515115842079628.html


© 2019 Sermos Galiza